Soa e borracha

OURENSE

06 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Non hai nada como saber ler. Non serve só con saber xuntar letras e vomitar palabras, eu refírome a saber ler, a entender a mensaxe que forman un grupo de palabras que van xuntas. E parece que hai a quen lle custa moito ler máis alá. Están agora os da dereita toleando porque desde o Ministerio de Igualdade escribiron un chío dicindo que «sola y borracha, quiero llegar a casa». E xa empezaron a desbarrar. Desbarran porque non len. Se leran, escoitaran e miraran máis aló do seu embigo, saberían que é unha das consignas que se berrou na multitudinaria manifestación do 8M (iso pasa por non ir, nin oír, nin ler). Porque se o souberan, poderían ter criticado a escolla desde lema entre os moitos que había, pero saberían polo menos que non é unha apoloxía do alcol... que, en fin, algún sabe ler porque «m» e «a» dá «ma», e aí queda. Como nai non quero pensar que a miña filla vai saír e vai volver borracha... pero quero pensar nunha sociedade na que se sae e se emborracha, cando volva para a casa, poida ir tranquila. Iso é o que se pide. Tan difícil é de entender? E quero que se sae correr de noite, poida correr tranquila. E quero que se quere ser mecánica nun taller de coches, non teña que escoitar comentarios bobos. E quero que se quere vestir con eses tops de croché tan horrorosos que se levan agora, poida facelo sen que ninguén teña nada que dicir sobre que vai provocando ou merdas desas varias. Iso é o que quero. Quero que as preocupacións como nai cada vez que sae da casa sexan as mesmas que se fora un pequecho. Quero os mesmos dereitos para ela que para el. E por iso é tan necesario seguir berrando que «sola y borracha, quiero llegar a casa».