Como un soño ela chegou

OURENSE

28 feb 2020 . Actualizado a las 12:09 h.

Se son dos que escoitan a Xoel López estarán cantando «entre a escuma das ondas / como un soño ela chegou / atraída por un ronsel / como un soño ela chegou / dun veleiro bergantín». Se non o escoitan, pois iso é o comezo do temazo A serea e o mariñeiro. Indie en galego? Home non! Indie bailable en galego? Claro! Máis de 1.300 persoas bailando e cantando indie en galego? Por suposto! E onde? En Barcelona. En Barna? Si. Pasou fai hoxe unha semana. E non, non era na Casa de Galicia, onde se podería presupoñer público da terriña. Foi na sala Apolo, onde a maioría dos que alí bailaban ao ritmo do coruñés non eran desta beira do Atlántico. E si, cantaban en galego. Ao pé da letra, desde a primeira á última palabra. Esa mesma xente que despois berraba a máis non poder por Xoel, pedíndolle que volvera. E dicían Xoel. Nada de Choel, nin Joel nin esas cousas que escoitas dicir aquí (moitas veces a moitos galegos) cando se refiren á Xunta. Incluso hai máis dun que forma parte do goberno de Santiago que non revira a lingua ben cando di onde traballa. Que mágoa! Pois Xoel arrasaba en Barcelona (aforo completo desde semanas antes) cantando en galego no día da lingua materna. Presumindo da súa e confesando que a canción ten funcionado fóra de Galicia moito máis do que eles mesmos esperaban. Arrasa fóra cando aquí aínda hai quen di iso de «es que yo el gallego no lo entiendo», e leva vivindo aquí anos... cando non toda a vida. Esa mesma xente que despois canta a canción de Grease como se «guederabaou, uhuhuh» quixera dicir algo... Bilingüismo harmónico debe ser iso.