Entroidada

Xosé M. Rodríguez

OURENSE

Tempo de entroido, a festa que gaña por goleada ao santoral á hora de escoller os festivos locais nesta terra de pagáns e pandigos, de devotos públicos e esmorgantes segredos e militantes. Tempo de precampaña, que non é outra cousa que unha campaña en modo bombardeo subconsciente para que os clientes vaian mercando o xénero para a foliada de comezos de abril.

Nesta alianza dos tempos nos que todo vale, entroido e autonómicas, xa empezamos a gozar do panorama idílico deste paraíso nunca ben valorado. Algúns xa piden que se faga realidade aquela vella utopía dos tempos anteriores ao conde que lle mercaba edificios ao ditador por subscrición popular -o dos encoros- e queren converter en navegábel o Miño. Outros gábanse de novas liñas de transporte, mentres nos manteñen enganados cun servizo metropolitano que seguimos agardando nesta periferia da periferia.

Tamén hai quen mestura produtos que son tóxicos para manter en perfecto estado de revista a cachola... e aí están os de VOX facendo de novo o ridículo. Se Feijoo é nacionalista -e radical por riba, que teñen boa gana de dar a nota estes que non miraron nin os dicionarios que fai xogo coa súa alloada- en Compostela está soterrado o apóstolo.

Bo tempo este para botar por fóra a verdadeira personalidade agochada dalgúns. Entre outros o alcalde da cidade, que pasou de ser admirador do rexedor de Porto e de pór á cidade como o espello no que se ía mirar Ourense a se converter en seareiro dun fermoso pobo raiano onde cada venres 13 se botan ás rúas en plan aquelarre entroideiro.