Biblioteca Nós

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

30 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Sempre é bo deixarse aconsellar pola paciencia e o tempo cando un lle quere dar nome a algo. É unha decisión que se supón vai ser «para toda a vida», ata que pasado o tempo outros decidan o contrario, e que non se debe tomar ao chou. Tampouco convén deixarse levar por acontecementos puntuais, xa que logo rematas por ter varios espazos dedicados ao mesmo e co mesmo nome nun territorio escaso. É o que acontece cun autor ao que hai uns anos foi obxecto de homenaxe no 17 de Maio.

A Xunta mantén aberto ata o 3 de febreiro un concurso de ideas para darlle nome á Biblioteca Pública de Ourense. E os nomes xa comezaron a saír dende antes de que se abrise o prazo de presentación de propostas: o daquela ministro de Cultura xa sinalou na inauguración das instalacións de San Francisco que el proporía o nome do seu admirado amigo José Ángel Valente para que o tal campase nas novas instalacións e daquela fose unha homenaxe ao poeta ourensán.

E como acontece nestes casos xa se foron escoitando propostas varias e mesmo algúns fan campaña pola familia, que é de lei como non podía ser menos.

Un concurso de ideas que chegou logo de que a corporación municipal da cidade aprobase unha proposta do BNG para darlle á futura biblioteca, daquela sen inaugurar aínda, o nome de Xeración Nós. Unha decisión que xa servía para ir avanzando os actos do Centenario de Nós que se van desenvolver neste 2020. Agora son as fundacións dos persoeiros da xeración -Losada, Castelao, Otero e Risco- as que propoñen Biblioteca Nós como nome para homenaxear a un proxecto colectivo de país que segue a facer historia. Os camiños rematan por xuntarse.