Dise que o importante é que falen dun, aínda que sexa ben. «La gente también se ríe de mí, y soy alcalde». A frase de Gonzalo Pérez Jácome en referencia ás mofas sobre o belén tan feo que está instalado na Alameda da cidade de Ourense xa non sei por onde collela. Está claro que toda persoa está exposta á critica, e máis cando é alcalde (supoño que xa sabía el que lle ían caer por todos os lados); pero non sei se esa soberbia que se desprende dese «soy alcalde» (que no seu caso leva parello o de «e fago o que me peta») é como para loalo. Ou é soberbia ou demostra ben ás claras que ás veces votando hai quen se pasa de gracioso e así nos pinta... basta recordar que Chikilicuatre foi a Eurovisión, e todos bailamos algunha vez o chiki-chiki pero claro, unha cousa é botarse unhas risas un sábado á noite e outra a vida diaria (aínda que haxa quen parece confundilas). Vale que está encantado co belén, que por curioso (por dicir algo) está acaparando máis titulares que outra cousa. Pero non sei eu se a cidade merece tanta publicidade deste tipo, porque leva seis meses que vai dunha noutra. Primeiro, cando saíu elixido, xa se fixeron virais aqueles vídeos del falando no seu programa da tele sobre os magostos; e despois houbo eses outros de cando poñía a feder ao seu agora compañeiro de viaxe José Manuel Baltar. Despois chegaron os titulares sobre un rañaceos que case sería a envexa de Nova York ou aqueles outros nos que non deixa de soltar tacos nos plenos. Debería recordar que é alcalde, pero para algo máis que para dar titulares grandilocuentes. Que igual os seus veciños merecen algo máis. ¡Qué cojones!, como diría el mesmo no medio dun pleno.