«A xente pagaba multas por levar OU na matrícula; facíano por dignidade»

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO / LA VOZ

OURENSE

LOLITA VAZQUEZ

A ruesa Asunción Arias foi clave na recuperación do topónimo oficial da provincia

24 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«Todo xurdiu porque había un secretario no Concello de Ourense que se negaba a recuperar o topónimo. Dicía que non, que mentres el vivira sería Orense». Así recorda a valdeorresa Asunción Arias -daquela membro da Mesa Pola Normalización Lingüística, da que acabou sendo coordinadora provincial- o inicio da campaña para conseguir relegar o topónimo deturpado e sacar á luz o real.

Foi unha campaña longa, de máis de tres anos, nos que non só a cidade e a provincia recuperaron o seu nome, senón que as matrículas dos coches mostraban aquel cambio. As vellas placas coas letras OR pasaron a levar OU. Non foi un proceso fácil, nin tampouco curto, pero, aínda así, Arias mantén un gran recordo daquelas mobilizacións, nas que, di, non houbo cores políticas nin bandos. Precisamente cre que aí estivo parte do éxito, en que tanto os partidos de esquerdas como os de dereitas entenderon que non había tema de discusión. Ourense precisaba recuperar o seu nome, «por dignidade», di Arias.

Precisamente ese foi o lema da campaña, que xurdiu nunha reunión na Casa da Xuventude na que estiveron Benito Losada, Marcos Valcárcel e outros moitos intelectuais ourensáns. Tamén se uniron despois artistas como Baldomero Moreiras e Acisclo Manzano, e tamén as asociacións, como Auriense ou Sarabela Teatro. «A verdade é que todo o mundo me apoiou, sempre estiven moi arroupada no proceso», recorda Arias.

Tamén cando as cousas se viraron escuras. Porque, aínda que había un consenso xeral, non era unánime. Arias tivo que afrontar situacións desagradables, como que lle roubaran o coche -do que aínda hoxe non volveu ter noticias, e do que di que pouco lle puido servir aos ladróns por estar adaptado á súa discapacidade, «polo que é bastante difícil de vender»- ou que desde Fuerza Nueva a acurralaran para ameazala con darlle unha malleira. «Viñéronme buscar con bates», lembra. Non ía soa, e a situación quedou nunha ameaza. E Asun, en lugar de amedrentarse, colleu folgos. «A min non é fácil meterme medo», di. Nin a ela nin aos da súa casa. «O meu avó deume os cartos para seguir adiante, díxome que agora si que non podía deixalo», relata. E engade: «Eu daquela falaba moito de que a democracia era formal, pero non real».

Na conversa, a agora presidenta da asociación Amigos do Camiño de Inverno por Valdeorras cita moitas veces a palabra dignidade, porque para ela aí estaba a clave. Era unha cuestión cultural, de recuperar a herdanza dos avós. «Ourense era o nome digno, e somos merecedores da nosa orixe. O topónimo fora deturpado porque non nos tiñan respecto; se nolo tiveran, non nos terían cambiado o nome», asegura. E precisamente esa foi a razón de que o lema elixido, de entre as moitas propostas que había enriba da mesa, fora «Ourense por dignidade». O mesmo que loce na camiseta que Asun aínda conserva daqueles tempos. «Pareceunos un lema sumamente unificador, porque sempre foi unha campaña de sumar e buscar o punto de encontro, non o contrario, e de constante diálogo», destaca.

A loita non era só en Ourense. Na Coruña tamén libraban unha situación parecida, pero había menos unidade política. «Alí o gran problema era co daquela alcalde, Paco Vázquez, que presentou moitos recursos para que seguira sendo La Coruña», lembra Arias. Di que en Ourense o problema non era tal. «Nós tiñámolo sinxelo, porque ninguén estaba en contra. E se a campaña foi tan longa, de durar eses tres anos, foi polas reticencias que había na Coruña», matiza. «Manuel Sarille, o presidente da Mesa, sempre nos dicía que “o que daban na Coruña por ter o apoio da cidadanía e dos políticos que tedes aquí”», apunta Arias.

Poxa de artistas

Foron tres anos de loita. Tres anos de concentracións (recorda entón unha ateigada praza Maior de Ourense), de recollidas de firmas e incluso dunha caravana de coches ata Santiago. Todo por darlle visibilidade á reivindicación. E iso precisaba cartos. Nesa parte foi fundamental o apoio dos artistas ourensáns. Pintores e escultores doaron pezas da súa obra para darlle forma a unha concorrida poxa celebrada no Ateneo. O autor quedaba co 25 % do gañado pola peza, e o resto ía para a campaña. «Recadamos 1.800.000 pesetas», apunta Arias. Houbo quen incluso doou o seu traballo sen recibir nada a cambio. E Sarabela encargouse de montar unha grande obra no Teatro Principal. Non faltou tampouco o apoio do padre Silva e o Circo dos Muchachos. Era un todos a unha, e así era difícil que non saíra adiante. Ata a Deputación lanzou unha campaña publicitaria nese sentido.

Co ministro Mayor Oreja

Tamén había moito apoio da cidadanía. Arias lembra que aproveitou as festas de Santo Antonio en Fontei (A Rúa) para repartir adhesivos co OU, e que moita xente os pegou nas súas matrículas. «A xente ata pagaba multas por levar o adhesivo de OU, pero había que facelo, por dignidade», repite.

Finalmente, en maio de 1998 o cambio de topónimo foi aprobado polo Congreso, pero houbo que agardar ata setembro para poder matricular os primeiros coches co OU, xa que non foi ata ese mes que se publicou no Boletín Oficial do Estado o decreto firmado polo daquela ministro do Interior, Jaime Mayor Oreja.

Membros de Fuerza Nueva chegaron a ameazar a Arias con bates para que parara a campaña

A unión social e política arredor do tema foi fundamental para conseguilo