a estou nunha idade na que vou ao parque cos netos, porque teño a sorte de ser avó, pese que a nosa sociedade ten nais primerizas cada vez máis maiores. No meu caso son afortunado e podo xogar con eles, ensinarlles cousas… Os netos traen alegría, e gustaríame que isto lle sucedese tamén aos demais.
Consciente de que somos unha das provincias máis envellecidas, e sen entrar nos motivos, si que podemos falar dalgunhas das consecuencias. Vivimos máis anos, pero a cuestión é como, con que calidade de vida. Creo que no noso caso, e segundo imos avanzando no camiño da vida, á morriña propia dos galegos súmase a soidade non elixida.
Persoal e institucionalmente como presidente de Cruz Vermella, estou seguro de que un dos principais retos que afrontan as persoas maiores é o illamento social, unha situación que as fai vulnerables e contra a que debemos loitar. En España, máis de 2 millóns de persoas maiores de 65 anos viven soas, das que o 72% son mulleres. Igualmente en Ourense. O perfil das persoas atendidas por Cruz Vermella ten rostro de muller: elas son protagonistas das actividades, das atencións que realizamos, das axudas que entregamos e da formación que damos ás coidadoras. Porque non é un segredo que tamén son elas as que se ocupan de persoas dependentes, coa sobrecarga física e emocional que isto conleva.
Non todas as persoas que están soas experimentan soidade, e pola contra hai moitas que se senten soas estando acompañadas. É un sentimento subxectivo, negativo, pero que non está asociado a unha idade concreta.
Mais nós, especialmente no rural, debemos traballar para reducir ese illamento social involuntario: mellorando o seu benestar emocional, restaurando as súas conexións sociais da man do voluntariado e de múltiples actividades, como poden ser obradoiros de memoria, ximnasia, teatro… O noso labor é traballar para as persoas maiores e coas persoas maiores, tendo en conta o seu criterio e as necesidades das persoas coidadoras para aumentar a súa resiliencia: fortalecendo as súas capacidades e autonomía fronte a novas situación vitais, de saúde, familiares e do seu entorno.
Envellecer é un proceso natural que comeza cando nacemos: a clave para o benestar nas últimas etapas da vida pasa por un modelo de envellecemento activo, participativo e saudable, asumindo os cambios con optimismo e positividade. A súa valía reside na experiencia, no saber acumulado dos anos do que non podemos prescindir, xa que nel perviven tamén as nosas tradicións e cultura popular.
Unha sociedade do século XXI, como a nosa, ten que ter a máxima protección para as persoas máis vulnerables, entre as que nenos, nenas e persoas maiores son as máis indefensas. Acompañar ás persoas maiores e fomentar o seu bo trato é unha obriga por humanidade. Pero é unha tarefa compartida entre as distintas administracións e organizacións, para a que hai que conciliar políticas sociais, sanitarias, económicas e de vivenda, e así garantir unha vida digna ás persoas maiores e unha sociedade inclusiva que evite a fenda interxeracional. Sumemos as nosas forzas para non deixar a ninguén atrás.
Felipe Ferreiro Feijoo es presidente de Cruz Vermella en la provincia de Ourense.