Lume e galego en Cannes

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

23 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun argumentario sin fendas, dicía un profesor da cidade que cando o vicepresidente dunha coñecida multinacional -imos obviar o nome para non facerlle publicidade- falase galego daquela finalizaban os problemas co idioma e iso sería máis efectivo que as campañas institucionais todas.

Non sei como rematará esta edición do Festival de Cannes en canto ao reparto de premios, mais si é certo que a nós xa nos tocou un e o recoñecemento chegou da man do director Oliver Laxe. Sería un fito histórico que retornase do festival francés cun novo galardón, tres de tres daquela, pero a proxección de «O que arde» xa escribiu unha páxina histórica ao ser a primeira vez na que se visionou unha película en galego no prestixioso certame audiovisual.

Aínda tendo que agardar para ver a versión definitiva do seu proxecto, hai que lembrar que Laxe foi premiado hai uns anos polo OUFF e que no marco do festival de cine ourensán presentou no seu día os primeiros minutos do que ía ser a súa longametraxe -entón barallaba o título «Aquilo que arde»-. Na provincia de Ourense estivo a traballar coas brigadas de loita contra o lume e a conexión entre o director e os traballadores forestais foi total, como quedou reflectido no encontro que mantiveron no Liceo.

O Courel, Ourense, as vagas de lumes que están a converter o país nun deserto futuro, a loita contra as lapas, o idioma e a realidade galega chegaron a Cannes da man de Oliver Laxe. E aí encetou o camiño que nos espallará polo mundo, como pasou cos outros traballos do director. Parabéns.