Juanjo Otero: «Proxectamos un cinto verde como complemento ao cinto azul da auga»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

Galardoado o plan para intervir na beira esquerda do río en Castrelo de Miño

22 may 2019 . Actualizado a las 08:16 h.

Castrelo de Miño tense convertido nos últimos anos nun referente en proxectos de dinamización do municipio e de intervención nos espazos públicos, entre outros aspectos. Actuacións como o edificio multiusos, o novo mobiliario urbano, o acondicionamento de locais sociais e outras iniciativas teñen sido recoñecidas con premios ou coa selección dos proxectos en diferentes convocatorias sectoriais -dos galardóns do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) aos referidos ao emprego da madeira, entre outros-.

Agora Castrelo de Miño suma un novo recoñecemento e o mesmo está vencellado ao elemento que, xunto cos viñedos, lle dá singularidade ao municipio: o Miño. O plan integral elaborado por Mol Arquitectura para intervir e reordenar a marxe esquerda do río vén de ser recoñecido co «Premio de planificación urbana e paisaxismo» pola revista especializada británica Build. A publicación, propiedade de Al Global Media, está centrada na construción, arquitectura, enxeñaría e deseño -así coma na sostibilidade e infraestruturas- e dende hai cinco anos convoca os seus premios. Dez son as categorías que se recoñecen na convocatoria desta revista e ademais de ser unha das plataformas máis visitadas en liña, a Build Magazine distribúese globalmente a máis de 100.000 subscritores.

Cinto verde xunto a cinto azul

Juanjo Otero, de MOL Arquitectura, lembra que o proxecto se xestou a partir dun encargo da administración local. «O Concello solicitounos un plan director para actuar na marxe esquerda do río Miño, e o que fixemos foi elaborar un proxecto para artellar toda esa franxa ao pé da zona fluvial para potenciar o conxunto co obxectivo de recuperalo para os veciños, mellorar a accesibilidade e potenciar todos aqueles elementos que necesitaban unha intervención. O que se propón no plan son nodos concretos de actuación e un horizonte para desenvolvelo no tempo».

Dende o estudo formado polos arquitectos Juanjo Otero e Cecilia López Muíños e o aparellador Luis Ángel López apostouse por crear elementos como un ascensor panorámico -para mellorar a accesibilidade-, o emprego de solucións propias da arquitectura tradicional, o uso da madeira, a pavimentación a base de lastros, a dotación de mobiliario e iluminación específicos e outras solucións. Nalgúns casos, como no de elementos xa creados que necesitan unha solución de integración na paisaxe -como as piscinas-, a proposta pasa por ordenar a zona con vexetación: «O que se busca é mimetizar os elementos coa paisaxe, a xeito dunha camuflaxe, e crear en toda a zona un cinto verde como complemento do cinto azul da auga», sinala Juanjo Otero.

O plan director contempla actuacións entre a ponte de ferro e o espazo vencellado ao Club Náutico. Nalgúns casos xa se desenvolveron os proxectos -como o parque para cativos ou as melloras na Casa da Anguía- e o plan inclúe propostas como a recuperación das antigas termas, crear un hotel no edificio do parque náutico, nova zona de atraque no encoro, rutas de sendeirismo e novo edificio para embarcacións, entre outras.

 

Da casa de Carballeda á Gazpara

Mol Arquitectura ten desenvolvido proxectos como a rehabilitación da casa de José Serrano, o veciño de Saa (Carballeda de Avia) que perdeu todo o que tiña na vaga de incendios do 2017, ou a creación do novo edificio da Casa Gazpara do Carballiño -que retomará a actividade nas vindeiras semanas-. Sobre o emprego da madeira, sinal de identidade do proxecto de Saa, impartirán unha ponencia este ano nun congreso internacional e traballan coa Fundación Arume na creación dun selo de calidade do piñeiro en Galicia para a súa posta en valor.