«Hai persoas que son de partido e un caso claro é o de Vázquez Barquero»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE

OURENSE

Álvaro Vaquero

Rodríguez Villarino non descarta ser el quen encabece a candidatura pero di que non é o momento de plantexalo

20 mar 2019 . Actualizado a las 08:02 h.

O seu nome soou con forza como posible aspirante nas primarias que finalmente gañou Barquero, pero Rafael Rodríguez Villarino non se presentou daquela. Hai que ter en conta que a súa designación como secretario provincial do PSOE estaba aínda recente e someterse a un proceso como ese podería desgastar o seu liderado. Agora o seu nome volve soar como posible relevo de Barquero trala dimisión deste, pero Villarino prefire ser cauto.

-Que opina da decisión que tomou o ata o de agora candidato?

-É unha decisión persoal e moi respectable e teño que destacar que a tomase cun gusto exquisito cara o partido. Recoñezo o seu talante e respéctoo.

-Quere dicir que esta baixa foi menos traumática que as que viviu o partido nestas últimas semanas, as dos afíns a Pachi Vázquez?

-Hai persoas que son de partido e un caso claro é o de Vázquez Barquero, que debería servirnos a todos de exemplo de actitude cando decidimos apartarnos nun momento dado da actividade política. El botouse a un lado dun xeito moi elegante.

-O certo é que intúese un certo malestar pola alteración das listas. Tejerina tamén dimitiu e Eva Maldonado renunciou ás listas.

-Son reacciones individuais pero non xeneralizadas. Con respecto a Tejerina, ten unha explicación desde o punto de vista persoal. El xa dixera que so seguía por lealdade a Barquero e, cando este se bota a un lado, el fai o mesmo. Con Eva o malestar entendo que é máis contra o propio procedemento, pero todos sabemos, e ela tamén o sabe, que a militancia o que fai son propostas, pero que a decisión en última instancia é do partido. A súa reacción é comprensible porque ía como número uno e queda no tres, pero os modos son menos desculpables. Estou seguro de que ela xa fixo unha reflexión sobre iso e que xa non actuaría dese xeito. En todo caso, non son correntes, son casos persoais.

-Prevense reunións das direccións local e provincial para propoñer nomes. Como pensa resolverse esta crise?

-O partido ten que tomar unha decisión que sexa consensuada desde o nivel local, pasando polo provincial, o galego e ata o federal. O máis importante é que todo o mundo estea de acordo.

-Pode pasar a solución por vostede mesmo?

-A solución non pasa por unha persoa concreta. O primeiro é que a persoa elixida teña o apoio incondicional do partido. Temos que buscar unha persoa que teña un compromiso inequívoco co partido, que sexa unha alternativa sólida e consistente e, sobre todo, que satisfaga a todo o partido.

-Pero, pensou vostede na posibilidade de encabezar a lista en Ourense?

-Eu son o alcalde de Amoeiro e teño a designación como candidato alí. Os partidos ás veces encargan misións que poden ser aceptadas ou non, pero agora non é o momento de dilucidalo. Non é o momento de plantexar iso.