A loita contra o padrón

Xosé M. Rodríguez

OURENSE

03 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

radical e teimuda estatística sempre coas súas cousas. Fera como o frío que nos doe nestes días e que fai mirar, outra volta, para o Couto Mixto. E de novo alguén a lembrar que o territorio é moito máis que unha nova nos telexornais do común.

Alí, como en case que toda a xeografía provincial que se estende por fóra da cidade e das cabeceiras comarcais, os díxitos marcan de novo a realidade que leva ao abandono e ao silencio. Os concellos seguen a perder poboación e moitas das unidades territoriais nas que está dividida a provincia convértense en anacronismos que non contribúen a aportar gran cousa, ademais de gastos, aos seus administrados.

As anunciadas políticas e liñas estratéxicas contra o despoboamento, o deserto demográfico, a emigración, a volta ao rural, a recuperación de superficie agraria útil, o relevo xeracional nas explotacións e demais anuncios de mercado semella que pouco, ou nada, están a conseguir contra esa morte en diferido que chega da man do padrón de habitantes.

Os concellos están a se volver invisibles. Comunidades veciñais que pulaban polo futuro van mirrando camiño de ser memoria colectiva e materia de estudo antropolóxico. E os políticos buscando veciños por baixo das pedras para non perder concelleiros, nin ingresos cos que alimentar o sistema que os mantén no poder.

A xeografía do rural revirouse xa hai tempo. Nese pasado que aínda se lembra a provincia estaba chea de escolas. Pechamos colexios e abrimos residencias para maiores. Mudamos nenos por vellos. E cando pechen as residencias?