Omáis rápido para chegar dende Ourense a Valdeorras, é circular en vehículo particular hora e media pola sinuosa e perigosa N-120. Tan impresionante é a paisaxe que te acompaña durante o traxecto, como transitar de noite por esta estrada que os xabarís e os corzos cruzan como «Pedro pola súa casa». A outra opción sería o autobús ou o ferrocarril, iso si, hai que ter en conta que en tren dende Ourense se chega antes A Coruña que ao Barco. Aínda que pareza incrible, hai un par de meses unha sentenza tivo que lembrarlle á Xunta de Galicia esta realidade, todo elo porque o Sergas viña obrigando a médicos residentes pediatras en Ourense a que cubrisen gardas en Valdeorras pagándollas como localizadas, de menor custo que as presenciais xa que só esixen aos médicos e médicas presentarse no hospital nun prazo máximo de 20 minutos desde que son avisados. Como os sanitarios se desprazan en coche e non en avioneta como debía crer a Xunta, imaxinen o esperpento e o risco que supuña que ante unha urxencia pola noite no hospital de Valdeorras, para que un médico atendera a ese meniño ou meniña, tivera que circular unha hora e media por ese camiño de cabras.
O certo é que esta situación non é un caso illado nesta comarca, é so o suma e segue dunha discriminación crónica que os leva a non dispoñer de boas vías de comunicación, de recursos doutras administracións, e dun hospital público que a Xunta está empeñada en desguazar peza a peza. Unha ausencia de recursos sanitarios tamén no CHUO, que leva a que por exemplo se o fin de semana un neno ou nena de Valdeorras necesita unha intervención cirúrxica de urxencia, ou un adulto dun servizo de hemodinámica, nin sequera se lle poida dar esta atención en Ourense, o que suporía un desprazamento a Vigo de dúas horas e media. E claro, que a nosa provincia estea dando as costas a Valdeorras está provocando o florecemento, non soamente da actividade comercial da veciña Ponferrada, senón tamén de clínicas privadas que cobren as eivas do noso sistema de saúde público. Unha situación esperpéntica que se cronifica nunha comarca que perde poboación polo illamento territorial que sofre a pesares de ser unha das portas de entrada a Galicia; de ter unha economía puxante que xira en torno ao sector da lousa, que da emprego de maneira directa e indirecta a unhas tres mil persoas, cun fortalecido sector vitivinícola pola promoción da variedade do godello, e cunha produción de castañas de recoñecida calidade. A pesares de que acercar distancias podería dar un pulo moi necesario a esta comarca e a toda a provincia, a falla de compromiso das administracións sitúa cada día máis lonxe Valdeorras de Ourense.