En medio dun escenario onde podería terse instalado o pesimismo, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, máis aló do seu menos visible quefacer diario, achega ao público continuamente novas propostas expositivas, baixo a premisa de que a cultura é un proceso de intercambio de movemento, non de pausa e silencio. Nunha época de recursos escasos só é posible desenvolver esta actividade cun equipo de xente exemplar no que se percibe o gran labor de dirección de Xulio Rodríguez e o coñecemento, habilidade e talante inquedo de Araceli Gallego.
Nesta ocasión, fóra da tendencia de exposición de evento de impacto de vida atormentada, o Museo propón unha de sereas realizacións. Con motivo do aniversario do seu nacemento presenta a unha figura que ocupa un lugar esencial na conformación actual da sociedade ourensá, aínda que a espesa néboa do paso do tempo o teña reducido practicamente ao nome dunha rúa, Marcelo Macías.
Astorgano de nacemento, ven a Ourense como catedrático do Instituto Provincial. O periplo vital levarao por diferentes lugares e conta xa con 41 anos á súa chegada. Por fortuna, a vida permitiríalle manter un longo romance con este estraño anaco do mundo por espazo de 57 anos. Moi preto das aulas nas que impartía docencia en 1887 inauguraríase a estatua en homenaxe ao Padre Feijoo. O seu discurso sobre o Padre Mestre confirmaría a fama de grande orador e a súa rápida integración na sociedade ourensá.
Como director do Instituto, desde 1893, acomete o traslado ao moderno edificio do Centro Provincial de Instrucción en 1895. As instalacións do novo espazo abrían moitas posibilidades de cara á formalización de iniciativas que xurdían naquel momento ou que era preciso revitalizar. Alí tiveron cabida a Biblioteca Provincial a Escola de Artes e Oficios, o Ateneo e a Comisión de Monumentos, e en todas estaba M. Macías, como fundador ou na dirección. Mestre vocacional, exercía M. Macías un maxisterio constante, sen ser autoritario. Nas aulas do Instituto formou a varias xeracións de alumnos dos que recibía o aire da actualidade mentres lles transmitía o coñecemento adornado coa súa calidade de orador. Proba da súa valía son as diferentes homenaxes que recibiu por parte do alumnado, mesmo con manifestación incluída con ocasión da súa dimisión como director. Tivo afamados discípulos, entre eles os tres principais membros da Xeración Nós: Otero Pedrayo, Vicente Risco e Florentino Cuevillas. Moldeounos coa súa literatura preceptiva, coas epístolas de Horacio, cos seus modelos literarios e, como non, co exemplo e actividade da Comisión de monumentos. Sen M. Macías e o grupo de colaboradores que o rodeaba non existirían as bases do movemento anovador que foi Nós.
Como membro da Comisión de monumentos promove a fundación do Museo da Comisión (hoxe Museo Arqueolóxico) en 1895. Tamén, grazas ao seu impulso, tres anos despois iníciase a publicación do Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Orense, obra monumental que ata 1960 servirá para divulgar e canalizar as investigacións arqueolóxicas e históricas que se realizaban arredor do Museo e marca o nacemento da historia metodolóxica en Ourense.
Xunto aos seus colaboradores recorre a xeografía da provincia tomando datos, elaborando informes do estado de monumentos ou tratando de adquirir pezas para o Museo. Gran parte do fondo do Museo vai proceder das súas propias coleccións. M. Macías está detrás de canta iniciativa cultural se desenvolve en Ourense á par que desenvolve unha carreira persoal na que se distingue como gran numismático.
Con obras do propio Museo ou cedidas polos seus herdeiros, que as conservan con agarimo, esta é a traxectoria que o Museo suxire aos visitantes na exposición instalada nas salas de Afundación, e con ela tamén recordar (volver sentir) un pedazo da súa propia historia.
Avelino Rodríguez González é comisario da exposición «Marcelo Macías. 175 aniversario»