Subir a Fonte da Cova, en Trevinca, é todo un espectáculo. Xa o cualificativo que veña despois, cada un elixe. A min a imaxe das explotacións a ceo aberto seguen sen parecerme un reclamo turístico como algúns queren ven comparándoas co que en tempos foron as non moi lonxe Médulas (que non viñan ser outra cousa que unha explotación para sacar ouro). Mais sen ver ese atractivo turístico, entendo que son o sustento directo de moita xente. Ata dun 25 % dos asalariados na comarca de Valdeorras, dixeron onte nunha xornada técnica en Sobradelo. Pero non só é cuestión de ter para comer hoxe sen pensar no mañá. Por iso é fundamental abrir novos mercados, como intenta o sector. E seguindo ese dito de que a terra non é unha herdanza dos nosos pais, senón un préstamo dos nosos fillos, non podemos arramplar con todo. A innovación semella fundamental. É importante apostar pola recuperación das escombreiras, para que volvan ser (da volta dalgún tempo) as montañas que foron e non un vertedoiro de lousa inservible; e, fundamental tamén, apostar pola saúde dos traballadores. Non pode ser que a xubilación lle chegue a parte dese 25 % de asalariados moito antes de tempo porque a silicose xa está moi avanzada. A innovación é fundamental para que o po de sílice deixe de ser un veleno que entra aos poucos pero de maneira continua nos pulmóns dos traballadores para acabar custándolles a vida. Hai que innovar, porque desde aqueles valentes -como foron definidos onte- que arrancaban a pizarra da montaña case que só coas mans porque viron un futuro alentador, moito teñen mudado as cousas. E moito teñen aínda que mudar.