Arrepía

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

07 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Sacude, arrepía, deixa mal corpo... A nova campaña da Dirección General de Tráfico é como un golpe coa man aberta que non esperas e que fai que ata torzas o fociño. Somos así, e moitas veces cando prendemos a tele o único que queremos é evadirnos. Por iso, entendo, trunfan tanto algúns problemas que trunfan tanto. E así, no intermedio, aparece ese anuncio, ese golpe que non estabas preparado para ver. ¡Pois imaxina para sentir! E o anuncio é tan potente porque, de repente, veste a ti aí. Veste no que está tirado no medio da estrada e ves como unha chamada de teléfono lle cambia a vida (arruinándolla) a túa nai para sempre; ou veste a ti nesa padiola recibindo a visita da policía para interrogarte porque mataches á túa mellor amiga. Soa horrible. Ambas situacións soan horribles. Pero son precisas. Son precisas cando conduces e ves que hai xente que aínda vai fala que te fala polo móbil mentres conduce e non precisamente a baixa velocidade; fai falta cando te cruzas cun coche en marcha no que un cativo xoga feliz entre as cadeiras, totalmente libre de calquera sistema de seguridade... Fai falta cando despois ves á nai daquel amigo que morreu cando ía traballar na súa moto porque un coche non o viu cando decidiu xirar no medio da estrada. Porque cando a ves, ves que os anuncios non son mentira, que non son crueis. Crueis é ver a eses pais que conseguiron seguir camiñando cara diante, pero que nunca volveron ser os mesmos. Dubido moito que aquel condutor conseguira volver ser o mesmo tampouco. Arrepía, porque morrer (ou matar) na estrada non podo ser máis que arrepiante.