O consentido

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE

OO consentido fai o que se lle antolla. Tempo atrás ser un consentido non era ben, non era un adxectivo do que presumir. Hoxe o consentidiño é a marca do candidato.

Cando un é mequeiro, hoxe fala dos orzamentos máis sociais da historia do concello, e mañá torna e só lle interesan os millóns de euros en cemento armado, que, cos anos, hai que manter e non abandonar. Aquela fábula social agora ocupa un cadradiño nos baixos do cartel de presentación dos fitos alcanzábeis polo goberno do concello.

Eu era de pensar que aquelo dos orzamentos sociais sería o mellor que nos ía pasar, de ser certo, pero, que lo sepa todo el mundo, pegou volta. O informe FOESSA publicado fai uns días por Cáritas -conservadora, si, mais foi excepcional ao recoller a desfeita neoliberal- enumera os datos cos que non gusta facer unha carteleira: 8,6 millones de euros (así lles gusta falar aos consentidos) de persoas en risco de exclusión, dos que 4,1 M están en risco de exclusión severa, o 40% máis nunha década. O informe aclara que ter un emprego xa non garante a integración social. O emplasto que liga a sociedade está a esmorecer, e convértese en competidor ao veciño; o grande éxito da crise é a rebaixa da dignidade.

Así, cando o consentido consente, aínda as cousas tornan a peor. Cando consente que o seu grupo parlamentar na Xunta desbote unha proposición de lei para recoñecerlles máis dereitos ás familias monoparentais, está a furar na rede que mantén unida á sociedade. As familias monomarentais e monoparentais teñen un 34 % de posibilidade de éxito -a lingua dos consentidos- de acadar a exclusión social. Estamos a falar do 10,7 % dos fogares, pero dálles igual, atrás quedaron os orzamentos máis sociais da historia. A alta precariedade laboral xunto coa falta de políticas transversais, sociais e económicas, están a expulsar a nais e fillos da comunidade. Desta non foi posible a proposición feita, pero os tempos son chegados. Quedamos á espera de que alguén con sentidiño discipline ao consentido.