A crise como título fixo do OUFF

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

O festival de cine mantivo ao longo de vinte anos unha traxectoria errática que pasou por varios modelos de certame

22 may 2018 . Actualizado a las 16:15 h.

Ao Festival de Cine Internacional de Ourense -nado como OFF e logo rebautizado como de Cine Independente e chamado de formas diversas neste case que un cuarto de século- o título que mellor lle acae é calquera que teña que ver coa tan recorrida crise de identidade. Ou con algún dos termos que lle valeron un oco na historia a Freud. Desta volta por mor dun protagonista que non virá: Cristóbal Montoro. A última vez que se deixou ver -ou unha das últimas- foi no Siméon e, como daquela non gobernaba, prometía a lúa; agora que manda, e moito, ameaza con deixar á cidade sen o OUFF ao non permitir a súa lei de contratacións dar encaixe legal ao modelo que se puxo en marcha hai dous anos, coa incorporación de Fran Gayo á dirección do proxecto.

Nova etapa

Iberoamérica e óperas primas. No 2016 comezou o actual esquema do festival, apostando nesta nova andaina por dúas seccións competitivas: as dedicadas ao Cine Iberoamericano e ás Óperas Primas.

INCERTEZA

Haberá certame este ano? A normativa legal mantén contra as cordas a posible celebración do festival de cine de Ourense. Fran Gayo conta co seu equipo de organización e o actual escenario non deixa capacidade de manobra. O Concello non pode facer novas contratacións nin pode superar un determinado límite de gasto de forma directa -de facelo tería que ir á fórmula de concurso público-. Os dous supostos, contratar ao equipo ou a remuneración, non encaixan no marco legal da normativa aprobada polo Goberno. Nese escenario só quedan dúas saídas: ou celebrar o OUFF 2018 cun modelo organizativo diferente -ao non poder contar con todo o equipo de Gayo- ou aprazar a edición deste ano. Director e Concello non chegaron a un acordo nas xuntanzas celebradas na pasada semana, aínda que non se dá por pechada unha decisión ao respecto. Segue a buscarse unha alternativa antes de dar por perdida a cita deste ano.

Futuro

Volver a unha entidade con personalidade propia. O Concello atópase nesta altura cun problema que xa estaba enriba da mesa na última edición, a vixésimo segunda, e ao que non se lle puxo remedio. O volume económico, de persoal e de xestión do OUFF sobrepasa o escenario da administración local e a independencia e a axilidade do proceso pasaría por volver a un esquema como o do desaparecido consorcio ou a creación dunha fundación que fose a responsable directa do festival.

Apoios

Convenio coa Agadic e críticas. Concello de Ourense e Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) asinan anualmente un convenio para fixar a cantidade que recibe o OUFF. Unha fórmula que beneficia ao festival, ao saber de certo que contará con axuda institucional, e que tamén ten sido obxecto de críticas, ao estar obrigados os outros festivais audiovisuais de Galicia a presentarse ás axudas da Agadic nunha convocatoria de concorrencia competitiva.

Compromiso

Volta da Deputación ao certame. Logo dun «divorcio» bravo que deu como resultado a voadura escandalosa do Consorcio do Festival de Cine de Ourense -co pago das débedas por parte do Concello e a incorporación do persoal-, a sintonía e o entendemento entre as institucións retomáronse nos últimos anos. De feito a Deputación de Ourense é o principal valedor do OUFF fóra do Concello: o organismo provincial achegou unha subvención de 50.000 euros ao festival do 2017 -a axuda da Agadic foi de 34.000 euros-. O papel da entidade provincial só é o de patrocinadora, sen responsabilidade no apartado organizativo do festival.