Aurelio

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

25 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Aurelio tiña 89 e moito amor pola terra. Nin sequera cando morreu a muller aceptou marchar para Madrid a vivir cos fillos. Aurelio prefería a pequena aldea bolesa de Tuxe, esa na que viviu sempre. A Madrid, só de visita. Prefería a vida entre os carreiros, os lameiros e os soutos de castiñeiros, eses nos que pasou de levar os pantalóns curtos a converterse nun home de familia, e polos que nos últimos tempos vagaba agarrado á súa vara, que lle facía as veces de bastón cando o camiño se poñía algo máis complicado. Aurelio tiña 89 anos, pero o sangue aínda lle fervía ao ver a terra abandonada, e por iso se resistía a que os seus soutos estiveran comidos pola maleza. Así que Aurelio saía da casa e camiñaba cara os castiñeiros vendo como outros si abandonaron as terras, fincas vítimas do minifundio, do envellecemento da poboación e da sangría demográfica da provincia. Recorría un camiño cheo de xestas que evidencia que as administracións fai tempo que esqueceron que as pistas do rural tamén hai que limpalas. Nin uns nin outros. O rural esmorece porque xa non queda xente, e a que hai xa non está para tantas valentías. Aurelio pedira o seu permiso de queima, pero non tivo en conta outros condicionantes: estaba só e facía moita calor. O lume marchou e el, por máis que o intentou, non foi quen de paralo. Unha triste metáfora do que parece ser o futuro da provincia, cun panorama negro queimado polo lume no que xa só quedan uns poucos vellos que tratan de evitar que as silvas coman os montes que noutros tempos foron os que sacaron aos ourensáns da fame. Non temos memoria, nin o amor á terra que tiña Aurelio.