Nunca me gustaron os «Días de...». Entendo que poden estar ben para algunhas cousas, pero sempre me pareceron que eran algo demasiado efémero que enseguida se metía nun caixón ata o ano seguinte. Aborrezo as soltas de globos e as lecturas de poemas como modo de reivindicar que queremos ter os mesmos dereitos (reais, porque nos papeis están) que teñen os homes só por iso, nacer así. Pero por fin parece que espertamos. Hoxe haberá soltas de globos e lecturas de poemas e, ademais diso, faltaremos ao traballo para ir berrar ás rúas que estamos fartas de ter que escoller entre ter unha carreira profesional ou ser nais (ou optar por ambas e andar sempre co sentido da culpabilidade a flor de pel), fartas de ter que escoitar iso de que igual levas a saia demasiado curta e hai sitios perigosos sobre todo a determinadas horas da noite, fartas de que nos maten por ser mulleres, fartas de oír que os homes axudan na casa (coma se as mulleres tivésemos nacido cun ferro de pasar na cabeza). Estamos fartas (o de ata que parte do corpo, cada unha elixe a súa) de todo iso. E por todo iso, hoxe sairemos á rúa a demostrar que estamos fartas. Fartas tamén de que traten de desvirtuar a nosa fartura dicindo que estamos politizadas. Non estamos politizadas. Outra cousa é que a política sexa importante, porque claro o é. Porque as decisións políticas marcan moitas das cousas do día a día na nosa vida... como non ter un centro de día preto da casa onde coiden ao avó e unha gardería para o neno mentres imos traballar. Ou moitas outras cousas. Non estamos politizadas. Estamos fartas.