Que non te enganen

Noela Blanco OLLADAS DESDE OURENSE

OURENSE

25 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non se pode promulgar que hai igualdade mentres haxa unha soa muller que viva o inferno na Terra, ou ben porque ten que volver a casa pola noite apretando forte as chaves da casa por medo a que a ataquen, ou porque moitas vivan en silencio o medo entre as paredes do seu propio fogar.

Non é casualidade nin porque estean máis capacitadas que os homes para ese traballo, o motivo polo que as mulleres son maioría nesta provincia nos sectores onde hai máis precariedade.

Cando che digan que esta folga do 8 de marzo é «para enfrontarnos aos homes», lembra que iso segue sendo o argumentario do neomachismo que insiste en colocar ao feminismo nunha guerra de sexos contra o home, en lugar do que realmente é, a loita pola igualdade entre homes e mulleres . E se che insisten en que esta folga está politizada, lémbralles que todos os cambios sociais deste país viñeron precedidos de grandes mobilizacións, o que motivou que se acendera o motor político do cambio.

Esto non é un tema das mulleres, os homes tamén teriades que estar fartos porque a desigualdade é unha violación de dereitos fundamentais e porque son as vosas parellas, nais, fillas, irmás, veciñas as que a sofren ,e o que lles prexudica a elas prexudícanos a vós, e o que lles fan a elas, tamén volo fan a vós.

Nin esta vez Baltar é mellor que Feijoo por apoiar a folga feminista, nin era peor cando o denunciaron por acoso sexual, tanto da Xan que Pericán no que concerne á defensa dos nosos dereitos. Que o presidente da Deputación apoie declaracións institucionais a favor dos dereitos das mulleres (a do 8 de marzo non vai ser a primeira), non vai facer que esquezamos eses audios que todas escoitamos sentindo vergoña allea; ao contrario, o que vai a conseguir é que aínda apertemos máis os dentes porque este circo mediático que montou co apoio á folga feminista é tan crible como poñer a un membro de Hazte Oír en defensa dos dereitos das persoas transexuais.

Que non te enganen, eu e milleiros de persoas deste país mobilizarémonos o 8 de marzo porque mentres haxa mulleres que cobran menos que un home por facer o mesmo traballo, e empresarios aos que lles pareza un problema que unha traballadora teña un fillo; sigamos escoitando eso de «eu axudo a miña muller nas tarefas da casa»; haxa quen culpabilice a unha víctima de violación porque ía soa, ou levaba a saia moi corta; e sigan matando polo simple feito de que ser mulleres, haberá motivos máis que dabondo para dicir alto e claro «basta xa» o 8 de marzo, e todos os días do ano.