«Daríalle unha clase a Pablo Iglesias»

OURENSE

SANDRA ALONSO

Fundamentalmente son galego, porque pasei aquí 43 dos 76 anos que teño, di o historiador e director do Museo do Pobo Galego

12 dic 2017 . Actualizado a las 09:40 h.

O vello profesor sempre ri. É un tipo alegre. Tomamos café no sempre acolledor Café Casino de Santiago, de modo que entre a contorna, a chuvia de fóra e a estatura humana e intelectual de Justo Beramendi (Madrid, 1941), un desexaría que a mañá se prolongase moitas horas e que a última páxina do xornal fose algo máis longa. «Unha das preguntas máis difíciles que me pode facer é de onde son», di. Pois veña, é un bo xeito de comezar.

-De onde é vostede?

-Eu nacín en Madrid, outra cousa é que sexa madrileño. Meu pai era madrileño e miña nai, vasca, aínda que cambiei a orde dos meus apelidos.

-Non era tan complexo...

-Espere. Á miña nai, que era de Izquierda Republicana, depurárona como funcionaria despois da guerra e, cando eu tiña 40 días, levárona para Almería. Alí estiven ata os dous anos, logo fomos a Guadalajara, e de alí a Madrid outra vez. Miña nai separouse de meu pai e volvemos a Almería, así que eu crieime alí; fixen o bacharelato en Almería e, con 17 anos, volvín a Madrid. Así que, de onde carallo son? Fundamentalmente son galego, porque pasei aquí 43 dos 76 anos que teño.

-E como veu dar a Galicia?

-En 1968 estudaba en Madrid a carreira de enxeñeiro industrial e militaba nun partido da extrema esquerda. Vivía nun piso franco onde tiñamos o aparato de propaganda. Metéusenos no grupo un confidente da policía. Avisáronnos e escapamos polos pelos. A Barcelona, onde vivía unha cuñada casada cun arquitecto galego que podía agocharnos. Alí entrei en contacto coa colonia galega, que me axudou moito, e acabou por ofrecerme traballar en Galicia. Viñemos en setembro de 1974 e... ata hoxe.

-De pequeno era moi pillabán?

-Si. O meu bisavó chamábame «rompetodo», seguramente porque tiña que arranxar o que eu rompía, ha, ha. Logo tiven unha enfermidade ósea dende os sete anos ata os catorce. Estiven moito tempo na cama e iso cambioume o carácter. Fíxome máis serio, lector voraz e máis resistente ás adversidades.

-Defínase en poucas palabras.

-Hummm... traballador... algo utópico... politicamente fracasado e intelectualmente curioso.

-Dálle moita importancia á política?

-Si. É que tivo moita importancia na miña vida, a pesar de non ser político.

-Defina agora a Galicia, tamén en catro ideas.

-Galicia é... acolledora... demasiado pacífica... resistente e... descrida.

-Cal diría que foi o feito determinante, ou un deles, na historia de Galicia?

-Probablemente un dos feitos determinantes foi a derrota dos Irmandiños.

-Agora que xa ten todo o tempo para vostede, que lle gusta facer?

-Dalgún xeito estou tan ocupado coma antes. O Museo dáme traballo, afortunadamente. Sempre me gustou moito o cine e son un gran consumidor; tamén de series. Gústame viaxar e coñecer outras culturas, outras gastronomías, aínda que xa non podo tanto.

-Recoméndeme algunha serie.

-Pois A ponte. Unha serie sueco danesa.

-Sabería facer unha tortilla de patacas?

-Si.

-E unha empanada?

-Non, unha empanada non. Pero un año ao forno, si. E un ollomol ao forno, tamén. E uns salmonetes ao allo branco, tamén.

-E o fútbol, interésalle?

-Si, si. Eu son do Bilbao, dende neno. De cando Iriondo, Venancio, Zarra, Panizo e Gaínza. Meu pai era do Madrid e tiñamos uns cristos de carallo. Agora sigo o fútbol igual, non con aquel fervor xuvenil, pero gústame ver un partido.

-A quen lle daría unha clase particular: a Pablo Iglesias, a Cristina Pedroche, a Inés Arrimadas ou a Cristiano Ronaldo?

-A Pablo Iglesias, que lle fai moita falta. Aos demais é imposible. Non paga a pena, ha, ha.

-De que se arrepinte?

-Uf, de moitas cousas. En primeiro lugar de pregarme aos desexos de meu pai para facer unha carreira que non me gustaba. Tamén de crer na inminencia dunha revolución socialista nos anos 60, unha falta de sentido da realidade. Aínda que algo conseguimos: acabar coa ditadura, que non é pouco.

-Atrévese a contar un chiste?

-Si. Un de Eugenio: «Era tan gafe, tan gafe, que se sentó en el pajar y se clavó la aguja».

-Cal é o seu lugar favorito?

-O que máis impresión me produciu foi o canón do Sil cando entrei en Galicia. Ademais era primavera e impresionoume.

-Unha canción?

-Duerme, duerme negrito, de Atahualpa Yupanqui. Son un carroza, eh?

-Non se preocupe. Que é o máis importante na vida?

-Estar contento cun mesmo. Pero sen pasarse, eh?, ha, ha.