Divulgar, transmitir, difudir

J. Antonio Añel FIRMA INVITADA

OURENSE

SANDRA ALONSO

09 dic 2017 . Actualizado a las 20:21 h.

Sabe vostede a quen se adica este ano o Día da Ciencia en Galicia? Adícase a Baltasar Merino. Sabe quen foi? Inda ca Real Academia Galega de Ciencias en colaboración ca Fundación Barrié ten desenvolto e colaborado en múltiples actividades ó longo do ano, e que foi salientada en cantidade de medios de comunicación, esta celebración segue a ser un tanto descoñecida, sobre todo en comparación co Día das Letras Galegas. Baltasar Merino foi un profesor, científico e naturalista que viviu entre o século XIX e o XX, este ano cúmprense cen anos do seu pasamento. Foi un apaixoado da meteoroloxía e a botánica, unha persoa implicada en transmitir o coñecemento científico, publicando libros sobre borrascas, axudando a evitar mortes por causa de elas no mar ou publicando a información do tempo no xornal, algo tan cotiá a día de hoxe. Ademais facía investigación de primeira liña dende o seu observatorio no Colexio de A Pasaxe en A Guarda. Tiña instrumentos de medición co dobre de precisión ca os de observatorios de referencia no seu tempo como era o de París. Todo elo valeulle ser recoñecido como director honorario da Academia Internacional de Xeografía Botánica en 1905. Transmitir o que facemos a cotío nos centros de investigación para mellorar a vida de todos nós é da maior importancia. Non se lle pode dar valor o que se descoñece e moito menos pedir que se invirta niso. Divulgar é complicado, unha tarefa que precisa da colaboración de especialistas e xornalistas. A divulgación tamén é unha ferramenta educativa, xa que permite achegar un mundo de posibilidades formativas e de coñecemento a quen está a estudar ou a formar. Porén a divulgación científica é un traballo a meirande parte das veces voluntarista, nin pagado a maiores nin recoñecido. É por iso que os premios de divulgación como o que este próximo mércores entrega o Campus de Ourense cobran unha especial relevancia.

Por un lado recoñecen esta labor e por outra a gala de entrega de premios do Campus da Auga é en si mesma divulgación ó visibilizar entre a cidadanía todo o traballo que se fai na universidade. Este evento cobra especial relevancia pola profunda relación entre a temática arredor da cal xira a gala, a auga, a nosa universidade e a difícil situación medioambiental na que nos atopamos. Estamos a sufrir unha gran seca en Galicia e dende a universidade traballamos arreo para aportar coñecemento e solucións que poidan axudar agora e no futuro. Facémolo participando en proxectos de investigación de toda índole, dende predicir mellor a choiva ata mellorar a xestión da auga nos nosos ríos. Facémolo colaborando ca administración e empresas, coma confederacións hidrográficas ou a través da Cátedra Fenosa. Estamos presentes naqueles foros nos que nos chaman as partes interesadas (probablemente menos do que deberían) axudando con xente con experiencia internacional. Tamén colaboramos cos medios de comunicación, como La Voz de Galicia, algo que é da maior necesidade. Para elo poñemos moito de ambas partes e organizamos ciclos de conferencias como é o caso do premiado, sobre o cambio climático e as súas implicacións científicas, sociais, políticas ou económicas. Divulgar, difundir, transmitir é moi necesario e vou dedicar dúas liñas a facelo sobre a auga: para facer un vaqueiro fan falla ata 10.000 litros, para unha tableta de chocolate 1.700 e 15.000 para un quilo de tenreira. Os números din que vostede gasta 7.000 litros de auga cada día, uns 500 caldeiros. As mesmas estatísticas din que pode aforrar a metade de esa auga pero que non se pon a elo. Aforre auga. A divulgación é moi necesaria porque é difícil, se non imposible, amar e respectar o que non se coñece e teñamos en conta o que dicía o Padre Baltasar Merino: «entre saber e ignorar non hai termo medio».

Juan Antonio Añel é científico «Ramón y Cajal» en Física da Terra, Campus de Ourense