Todos debemos remar

Felipe Ferreiro A TRES BANDAS

OURENSE

04 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

As persoas teñen que ser o centro de calquera política social, de calquera proxecto dirixido a mellorar as condicións e calidade de vida dos colectivos máis vulnerables. Así entendemos o noso labor na Cruz Vermella, ben sexa no noso entorno máis próximo ou no eido da cooperación internacional. Temos que traballar xuntos, en rede, as distintas entidades sociais en coordinación coas administracións públicas. Porque estamos seguros de que o chamado gasto social é investir nas persoas: crea riqueza no futuro, rompe a espiral de pobreza, fomenta a autonomía de quen nun momento dado precisa un apoio, pero sobre todo cimenta a construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria. Trátase de que a equidade guíe o camiño dos diferentes axentes para aumentar o benestar social, e para iso cadaquén debe asumir as súas responsabilidades. A vontade de axudar aos máis desfavorecidos debe vir acompañada de plans concretos e orzamentos que fagan posible conseguir os obxectivos: non podemos deixar a ninguén atrás, porque non hai nenos ou nenas de segunda categoría, nin persoas maiores que merezan vivir os últimos anos da súa vida pasando dificultades. Como sociedade moderna que somos, temos que conseguir unha igualdade de oportunidades real para todos, e para iso todas as partes implicadas debemos remar na mesma dirección.