Agosto

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

Agosto é o mes das mil festas. É o mes das vacacións (para moitos). É o mes dos reencontros familiares. É o mes do terraceo. É o mes de ver aos amigos que están fóra. É o mes de moitas cousas positivas. Pero non é o mes de sacar a reforma dunha lei sanitaria. Si que o é para a Xunta, que niso anda, pero non parece que sexa o mellor momento. Xa pasou fai uns anos, cando se eliminaron varias áreas sanitarias e Valdeorras quedou con ela pero sen orzamento propio. E agora volve pasar cando queren quitar a área para deixala en distrito. Escoller agosto semella facer as cousas a sabendas de que non van ter aceptación e non están ben feitas... «Como a xente está de vacacións, a ver se non se sabe e daquela imos librando», parece que pensaron en Compostela. Unha lei que sen dúbida toca un dos temas (xunto coa educación) máis importantes para a sociedade, non admite alegacións... só suxestións. Que iso queda moi ben, pero soa tamén a mofa. Porque se xa unha alegación pode o Parlamento coa súa maioría desbotala con só levantar a man ou premer un botón; unha suxestión é que nin sequera pasa ese trámite. «Que si, que moi ben o que suxires, pero non», pensarán dicir desde Compostela. Miren, o de facer suxestións que van á caixa do lixo de maneira directa (ou iso é o que facer) parece máis un xogo de nenos que unha cuestión seria. Andan en Valdeorras falando de botarse á rúa para defender o que teñen. Porque non se pide mellorar (vale que ás veces si), senón que semella que van ter que manifestarse para conservar o que teñen. E despois din desde o goberno de Santiago que apostan polo rural. En agosto non.