Dimitir por machismo

Noela Blanco OLLADAS DESDE OURENSE

OURENSE

18 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Non me estranou escoitar ao portavoz do PP no Congreso tratar a Irene Montero primeiro como se fora un apéndice de Pablo Iglesias, para despois pasar a desculparse falándolle como se tivera diante a unha meniña, porque non era a primeira vez que vía algo semellante. A imaxe dela apretando os beizos engullíndose no seu escano cos ollos enxugados en bágoas, fíxome lembrar a moitas outras que sufriron ataques públicos ou de corrillos simplemente pola súa condición de muller. Por iso ler nas redes sociais como unha deputada do PP de Ourense facía chistes fáciles sobre se era «novia de», provocoume ademais de cabreo pola baixeza moral, a tristeza e desazón típica de cando ves a alguén a pedradas contra o seu propio tellado, porque cada comentario sobre a vestimenta, o físico, ou o que máis doe, sobre se unha muller chegou á cima porque nese ascensor ía acompañada dun home, non é unha agresión a ela, nin sequera a máis da metade da poboación, senón á toda a sociedade no seu conxunto.

Ao día seguinte do debate no Congreso, coñecíamos que o Fiscal solicitou a apertura de xuízo oral contra a muller que denunciou a Baltar, por tentar «presionar cun suposto pacto e relación sexual de forma directa ao presidente da Deputación». Si, quen actúa como representante do ministerio público e é responsable da protección ás vítimas, deu á volta as súas funcións coma un calcetín convirtindo a vítima en verdugo, e o máis perigoso, mandando unha mensaxe de desamparo e desprotección ás que se plantexan denunciar un caso de acoso sexual.

En calquera país onde a súa cidadanía enarbolara de verdade a bandeira da igualdade, comentarios machistas de representantes públicos e actuacións da Fiscalía que puxeran en risco a dignidade das mulleres e a loita contra o acoso sexual, serían sinónimo de dimisión. Isto non pasará mentres na barra do bar se sigan refirindo á voceira dun grupo parlamentario como a «noiva de», e se diga que moitas veces unha muller denuncia acoso sexual como vinganza por non sentirse correspondida.