Otempo pasa moi amodo cando un fai o que non lle gosta, pero cando o traballo é sinónimo de defender con paixón aquilo no que cre, o tempo non chega a nada. Por eso estou convencida de que 40 anos de sindicalismo a Etelvino lle souperon a pouco, e que estos días que mete en caixas os recordos de toda unha vida, entrecrúzanse na súa mente as imaxes dos centos de conflitos laborais de Ourense nos que estivo en primeira liña de loita, con todo o que queda aínda por facer a prol da defensa dos dereitos dos traballadores desta provincia.
Nesas caixas hai de todo un pouco: a emoción e a ledicia das resolucións de conflitos laborais despois de nalgúns casos semanas de folga, e de seguro que tamén a frustración por non poder dar resposta aos problemas de moitas persoas que o longo deste tempo lle pediron axuda; premios que recibiu de asociacións de veciños, ecoloxistas, organizacións sindicais, de medios de comunicación... mesturados coas veces que se tivo que sentar no banquillo dos acusados por conflitos laborais, ou por exemplo por desenmascarar a quen á vista de todos parecía que coas súas obras sociais ía camiño da santificación, e que finalmente acabou en prisión; os logros das plataformas da UNED, do campus digno, do centro para persoas con diversidade funcional, e dos que quedan pendentes como os da loita contra o desmantelamento da sanidade pública.
Pero quizás o que máis orgullo nos fai sentir da súa traxectoria aos que o queremos, non sexa todo aquilo que fixo, senón que o longo destes anos foi quen de obter o respecto e admiración mesmo dos que cando saltaban ao terreo de xogo o facían co uniforme do equipo contrario, boa mostra da grandeza deste xigante con corazón de león.
Agora que despois da carreira de fondo da o relevo a outro compañeiro, dou por seguro que Etelvino non se vai converter nun xarrón chinés dos que aínda que son moi valorados estorban, porque tan certo como que esta semana se xubila do seu traballo, é que nunca o fará das súas conviccións e da loita contra as inxustizas.