Pasou o día e pasou a romaría. O rural ourensán volverá ser o que é. Despois do frenesí do entroido, que leva xente a todo recuncho canto hai, o rural volverá ser un páramo... Despois duns días nos que ata parece que reviven as aldeas, a vida devólvenos á realidade. E seguimos a vivir nunha provincia na que morren moitos máis que nacen. Por moito plan de natalidade que haxa. Porque nunha provincia na que é complicado atopar traballo, na que as garderías aínda son moitas menos que os xeriátricos, na que os pediatras están nas grandes vilas, e na que os mozos marchan fóra para gañar o pan. ¿Quen vai ter fillos? E claro, así Ourense volve hoxe a ser unha provincia sen xente, sobre todo sen xente moza, sen cativos. Toda a alegría que trouxo o entroido morreu no mesmo intre no que se queimou a sardiña, ou o meco, ou o lardeiro... Dá igual como se chame, o que queda claro é que se acabou a festa, a diversión, as risas. Entramos na Coresma, nesa época de recollemento (e aburrimento) na que pouco ou nada queda da alegría pasada. Recollemento porque a taxa de paro non dá para grandes alegrías, e moita desa xente nova que volveu a Ourense para gozar do entroido, marcha. Esa é a Coresma que sofre, de maneira latente, esta provincia. A outra, a relixiosa, esa cada vez ten menos incidencia. Demóstrao a estatística que di que só o 25 % dos novos matrimonios escolle casar polo altar; e móstrao de maneira evidente a imaxe de calquera igrexa durante unha misa. Estamos na Coresma, pero na Coresma que afecta á provincia, esta longa etapa gris que parece que non vai ter fin. Igual algún día volve a primavera.