A correspondencia de Blanco Amor será editada por Galaxia

Tosar defendeu a vixencia da obra do escritor na ofrenda floral


ourense / la voz

Dende o ano 2004 o PEN Club Galicia organiza a homenaxe anual a Eduardo Blanco Amor. Unha cita, a ofrenda floral no cemiterio de san Francisco que vai sempre máis alá da lembranza do escritor e xornalista e que en cada nova edición aporta iniciativas arredor da figura e da obra do autor de A Esmorga. Na convocatoria deste ano exerceu como mantedora Malores Villanueva, que está a desenvolver o proxecto de publicación da correspondencia do escritor. O fondo documental de Blanco Amor está na súa biblioteca, depositada na Deputación de Ourense, aínda que se está a traballar para conseguir as cartas remitidas polo propio escritor ás persoas coas que mantiña correspondencia. En principio, segundo indicou Malores Villanueva serán varios os tomos que publicará Galaxia con este material. Como cada ano, participaron os alumnos do instituto que leva o nome do homenaxeado, centro que está a cumprir o seu medio século de historia. Daniel Alonso Lorenzo e Iago González García foron os encargados de intervir no acto. O promotor da iniciativa anual, Luís González Tosar, lembrou a Eduardo Blanco Amor dende as súas propias palabras. Escolleu unha entrevista de abril de 1979, meses antes de morrer, para lembrar que daquela o escritor declaraba «Amei moito e fun amado, estou contento de vivir», ao tempo que repasaba a súa relación con Ourense, co galego, coa autonomía galega que estaba a nacer e cos novos creadores.

En marcha a fundación

Tanto en san Francisco, por parte de Rosendo Fernández, como na entrega do Premio Blanco Amor de Novela, neste caso en palabras de José Manuel Baltar, dende a Deputación lembrouse que a fundación que velará polo legado do autor de Os Biosbardos xa está legalmente ratificada e que a sede da mesma estará no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A correspondencia de Blanco Amor será editada por Galaxia