Querer e que te queiran é a cousa máis bonita do mundo. Esa sensación de bolboretas voando no estómago decote conforma unha sensación única que te fai sentir vivo, contento, feliz. É algo ao que todo o mundo debería ter dereito. Porque cando che pasa, é marabilloso. É coñecer a felicidade en maiúsculas co teu amoriño, ¡é ben bonito! Entendo que ata un mesmo se sorprenda ao descifrar o moito que se pode querer a quen un día, por casualidade, cruzouse no teu camiño. Entendo esas sorpresas, mais non son quen de entender, por contra, aqueles que trocan o amor por odio e os bicos por paus. Cavilo nos malos tratos e só son quen de chegar á conclusión de que esa xente nunca quixo, nunca. Seguro que non é amor, pero nin sequera poden falar de humanidade. Os animais tratan mellor, moito mellor, ás súas parellas. Non entendo como quen debería ser a persoa que máis feliz te fai, esa que che alegra o día só con chegar, se transforme no monstro que te atemoriza cada vez que abre a porta, e que che bate coma se foras unha alfombra. Non hai dereito. Non hai dereito que cada semana (como mínimo) saibamos dunha muller que morre ás mans de quen, era de supoñer, era quen máis a quería. Pasa moito, demasiado. Cada perda é unha perda para todos. Como sociedade di moito pouco de nós. Pero iso é só o cumio (o peor cumio) dunha lacra moito maior que empeza en xestos moito máis «suaves» como son as auténticas animaladas que se escoitan nun campo de fútbol cando a árbitro é unha muller, ou os xestos machistas de que sexan as rapazas dunha familia as que se levanten fregar... Hai que empezar a cambiar, cambiando a base.