OCentro Galego das Artes da Imaxe vai celebrar o 150º aniversario de Valle-Inclán cun ciclo sobre o esperpento no cinema español. Entre outros títulos memorábeis poderanse ver na Filmoteca de Galicia El pisito, de Marco Ferreri, ou Plácido, de Luis García Berlanga. Aínda que sen o percorrido e o recoñecemento das obras escollidas polo CGAI, algunhas con premios en festivais internacionais, ben poderían engadirlle o pase da gravación da sesión de onte na Deputación de Ourense. Porque entre bicos -ofrecidos, non dados e non sabemos se desexados-, cortesía institucional, foguetada polos novos tempos e o escenario da corporación provincial o esperpento ourensá acadou niveis históricos. Mágoa que Valle-Inclán estea morto... de non ser así, e co material que aportan os nosos políticos, sería quen de figurar nos candidatos ao premio Nobel.
E no fondo non estamos a falar doutra cousa que non sexa un drama. O que nace da miseria humana, da traxedia de non ser quen de gañar o pan e estar libre de compromisos ou peaxes, sen ter que exercer de Bruto ou de Xudas para vivir. Á política debería ser obrigatorio vir xantado da casa para ter liberdade de criterio e de opinión. Ao non ser así, acontece acotío que xorden traizóns, acoitelamentos ideolóxicos e virada de chaquetas co único obxectivo que manterse a conta dos diñeiros cousa pública.
Modesto Seara, este veciño de páxina que foi dos pesegos (PSdeG), fixo unhas atinadas declaracións en Compostela. Entre outras cousas denunciou a profesionalización e a procura do beneficio persoal por parte dos políticos.