a queda menos. Apenas uns días lle restan a esta campaña electoral que aburre máis que informa, na que uns e outros andan aos líos e a manter esa xogada de poñer podre ao contrario. ¿O de explicar o que fará cada un? Iso igual queda para a terceira volta, porque nestas dúas primeiras, nin rastro. Como moito o que fará un determinado partido sábese polas acusacións -fácil entender que mal intencionadas- que fan os contrarios. Xa non hai programa, nin propostas, nin nada. Só unha especie de Sálvame no que uns e outros andan aos berros, onde apenas importa a mensaxe. Onde só manda enmerdar. ¡Que tristura! Porque ao final, deses berróns que apenas superan ás veces en altura intelectual aos contertulios de Jorge Javier, están os que decidirán parte do noso futuro. Cousas como os dereitos das mulleres (a decidir; porque a estas alturas, aínda hai a quen no lle gusta que as mulleres decidamos), o mantemento dos servizos sociais, a educación pública (e laica!, si, porque estamos nun Estado laico aínda que haxa ministros que dean títulos a santos), as estradas... Todo, en definitiva. Nestes días todos son os firmes e maiores defensores desas cousas que realmente preocupan aos cidadáns, aínda que despois cada un faga o que lle pete. Tamén é certo que o domingo todos temos a posibilidade de votar. E cadaquén coa súa conciencia e o seu sentir. Será cuestión de intentar atopar a agulla neste palleiro que é a campaña electoral para votar libremente. E tamén, claro, para os que queiran comulgar con rodas de muíño. Que a historia demostra que aquí gusta moito.