or veces as novas adoitan ser quen de achegar un chisco de ilusión ás paisaxes queimadas polo abandono e a esterqueira. Os libreiros pecharon a súa feira cun incremento da demanda con respecto ao pasado ano, convocatoria na que xa se rexistrara un incremento con respecto á pasada edición.
Dito así é boa cousa, por máis que as librarías case que se poderían ter convertido na metáfora da realidade da propia provincia. O abandono e o envellecemento son os verdadeiros protagonistas da realidade ourensá, aínda que o agochemos entre turismo termal, viños e ribeiras sacras de moito ver e pouco remexer, como non sexan os cazadores perseguindo ao xabarín.
Dicía hai pouco un etnógrafo e antropólogo que botou décadas a pé de campo. O verdadeiro andacio deste país é o abandono do rural e o despoboamento, situación que en si mesma non simboliza outra cousa que o fracaso de Galiza como pobo e dos seus gobernantes como tales.
P As aldeas e os lugares mirran, e nese mirrar van pechando escolas, centros de saúde, bancos, bares, comercios e todo canto teña que ver coa actividade económica e co día a día de calquera comunidade cidadá. Tamén as librarías desaparecen; os nenos que xa non están nas escolas non precisan de libros nin de material escolar e os adultos, cada vez máis vellos, non son quen de manter unha demanda que xustifique a actividade. Tamén na cidade, aínda que nela aturen un chisco mellor esta crise que non pecha. Haberá que resistir, é o noso, coa esperanza de que no 2017 volvan abrir as librarías.