Entenderse

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

Hai quen di que aos plenos vaise facer política. Que o que é xestión en realidade xa se acorda nas comisións e no traballo do día a día... Que o pleno é para dar un pouco de espectáculo, incluso. A experiencia -vaime no choio ir a un lote de plenos ao cabo do ano, aínda que non sexan a miña parte do oficio preferida- dime que cando hai veciños afectados por algún tema en concreto (ou seguidores dunha determinada opción política), faise tipo mitin. As intervencións dalgúns concelleiros rematan víndose arriba, case esperando o aplauso. Ás veces acabo por pensar que é que cando te afilias a un partido -ou te metes en políticas ata as orellas- deixas de ter capacidade de escoitar. Non de oír, que entendo que non quedan xordos, senón de ademais de escoitar sons, ser quen de entender o que outro di. A mensaxe, vamos. Porque máis alá do debate político, e algunha que outra moción que pouco recorrido ten, o que acostuma haber nos plenos son tomas de decisións que afectan aos veciños. E a falta de entendemento, e moitas veces iso de «facer política», acaba indo en contra dos veciños. Non fai moito, nun pleno da provincia, algún defendía non votar unha moción porque suporía que os nenos pagarían 1,5 euros por ir á piscina. Sería bonito se non fora porque así pagarán 3 (as cifras igual non son as concretas, pero o exemplo si)... Entendo que a primeira parte da mensaxe chega con forza aos hooligans dese concelleiro; entendo que calquera con criterio verao como unha tomadura de pelo. Claro que despois, na nosa man, no voto, está decidir se queremos ser hooligans ou votantes con criterio. Iso xa, cada un.