Non hai nada novo na estratexia do presidente da Deputación de Ourense en relación á posibilidade de privatizar servizos ou buscar novas fórmulas para a xestión de espazos como o Teatro Principal, o Centro Cultural da Deputación ou o pavillón Paco Paz. Baltar leva anos tentando pór sobre a mesa un desexo que non sabe como facer realidade: os espazos culturais sonlle alleos por principio, como xestor derivou a responsabilidade en Rosendo Fernández -agás excepcións-, e o Paco Paz é unha instalación que lastra ao organismo provincial. O escenario non é o mellor dos desexados; nunca unha xestión privada faría rendibles instalacións como o Teatro Principal ou o Simeón, moitos menos nunha cidade pequena como Ourense e, por riba, vencellados á actividade cultural. E o mesmo no caso do Paco Paz, agás que apareza un mecenas.
Con todo, tampouco ese debate é novo e xa todo isto se viviu co anterior presidente da Deputación. No miolo de todo isto está unha situación moito máis complexa, como é a do papel que xogou a institución provincial dende hai décadas implicándose na recuperación do patrimonio da cidade e creando servizos ou actividades que, en moitos casos, sempre foron cuestionadas dende a oposición por ser algo que tiña aos veciños de Ourense como os principais beneficiarios. Circunstancia que, segundo eles, ía en detrimento do papel da Deputación como un organismo con vocación de axudar aos concellos con máis necesidades, e non á cidade. O escenario non é fácil, con Ourense con equipamentos semellantes, aínda que sempre hai alternativas.