Asemana pasada celebrouse na Praza das Ventas de Madrid o South Summit 2015, un evento destinado aos emprendedores. Pois ben, ata alí, no medio de profesionais de éxito e doutros que tentan selo a duras penas, viaxou o presidente da Deputación de Ourense para falar do bo goberno, e dos innovadores avances que puxo en marcha nos últimos anos a institución que el preside. Imaxínense por un momento ao público que escoitou a súa intervención: aos que coñecen a realidade da nosa provincia navegando entre a vergoña e a risa frouxa, e aos que non, topándose ao buscar en internet con miles de noticias de prensa nas que as palabras «cacique» e «Ourense» aparecen íntimamente relacionadas. A máis dun seguro que ganas non lle faltaron de levantarse do asento e repetir aquela famosa escena da película La ciudad no es para mí,na que Paco Martínez Soria poñía no seu lugar aos do seu pobo que se crían algo por estar na capital.
Debe ser porque micro en man nunha praza como As Ventas, nas que soaron os acordes dos Rolling ou de REM, é fácil que un se veña arriba e que lle pase como a aqueles cuxas familias eran nos 70 donos da tenda de ultramarinos da súa aldea, que cando chegaban a Madrid a transformaban por arte de maxia diante das súas amizades nunha cadea de supermercados.
Todo isto resultaría moi gracioso senón fóra porque entre tanto viaxe a eventos, a casa queda sen varrer. Porque mentres fala de innovación coma se Ourense fose Toronto, as empresas deslocalizan a súa producción; porque mentres xoga a ser un urbanita moderno, nunha provincia rural como a nosa, hai 146 núcleos con empadroamento cero e noutros 188 só viven un ou dous veciños; porque presume das bondades das redes cando as vías de comunicación reais, os trenes e outros medios de transporte público que unen diferentes puntos da provincia, son case unha realidade virtual.
E non se enganen que o esperpento seguro que non acaba aquí, que despois do «start up», e da «provincia intelixente», as clases maxistrais de propaganda e publicidade continuarán.