As eleccións do código ético

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

07 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

s eleccións do 2015, das municipais ás xerais pasando por algunha que outra autonómica, van quedar vencelladas para sempre aos códigos éticos e regulamentos das formacións políticas.

Aos socialistas as regras de xogo tráennos de cabeza por un camiño de sacrificios, calvarios e encaixes de bolillos. En Caldas salvaron o partido no último minuto coa axuda do árbitro: desfacerse do alcalde era unha opción moi perxudicial para os intereses do PSOE e recurrir a aquilo de que non haberá declaración ata despois do 24-M permitirá salvar os mobles nun caso que ía ser moi costoso para o partido.

En Ourense a papeleta non ten solución. Barquero xogou no límite e perdeu: declarou no seu día que dimitiría se estivese imputado, suponse que para posicionarse con sorna en relación á situación procesal de Pachi Vázquez, e agora que chegou a esa condición di que non dimite por responsabilidade e coherencia. E porque a dimisión do candidato do PSOE a estas alturas sería un suicidio político que Gómez Besteiro non se pode permitir. Recurre o candidato socialista ás confabulacións e a escuros intereses da denuncia, unha trapallada que non ten outro obxectivo que desviar a atención do que se criticou no seu día: a prepotencia e a actuación fóra de toda ética que promoveu o grupo de goberno da cidade para que unha dirixente do partido seguise cobrando das arcas municipais aos poucos días de ter que renunciar pola situación irregular do seu posto. Sen outro obxectivo.

A