Os desexos que se convertiron en problemas

Xosé Luis Sobrado CENTRO DE ESTUDOS CHAMOSO LAMAS

OURENSE

Nestes anos pasados -antes da crise- asistimos a unha multiplicación dos chamados centros de interpretación, instrumentos pensados para pór en valor o noso patrimonio histórico, arqueolóxico, natural, etcétera.

Esta frenética expansión, moitas veces feita á présa e sen un sentido máis lóxico ca do investimento obrigado ou a propia dinámica da moda da inauguración, deixou por duplicado ou por triplicado unha ringleira de edificacións espalladas pola nosa xeografía enchidas con contidos parecidos entre si -no mellor dos casos- que ofertan ós visitantes un menú didáctico de temática moi diversa e confusa. Deste xeito aparecen espectaculares obras -polo seu tamaño- amparadas pola Administración, que se mesturan na paisaxe da provincia con modestas expresións sostidas polos cativos recursos de concellos ou entidades que malamente poden permitirse abri-las súa portas.

A falla dunha planificación no emprazamento territorial e dun regulamento ad hoc que delimitase o seu funcionamento, posibilitou esta anárquica situación que, agora, na época das vacas fracas deixou exemplos no seu día senlleiros aparcados no caixón da lembranza-esquecemento á espera dunha morte agónica ou á dun dubidoso renacemento futuro que, incluso, semella tamén sentirse nalgún dos grandes proxectos promovidos dende as propias institucións públicas: o desexado e gabado centro é agora un problema.

A esperada e desexada rendibilidade económica e social que se albiscaba en cada inauguración resultou máis que dubidosa despois destes anos de experiencia; unha boa parte deste escaso pulo vén dado pola cativa ou nula información e falla de coordinación sobre os mesmos, na promoción en posibles visitantes -turismo e centros educativos- e, dese xeito, só os máis promocionados e publicitados acadaron un certo éxito e, aínda así, non abondou.

A información e promoción conxunta -máis económica e racional- será o punto de arrinque necesario para que se poida salvar algunha destas outras «vítimas» da crise.