Comeza a soar a música. Preferiblemente, The Köln Concert, de Keith Jarrett. O piano vai soando rítmicamente ata que na imaxe, mentres lemos as palabras, só podemos escoitar a música.
Palabras e música, música e palabras que van enchendo sen decatarnos as follas dun xornal.
Agora sobre a evocación, imaxinamos unha cidade. Son as dez da mañá dun día que semella de inverno, e vai moito, moito frío. Só se precisa ollar as facianas da xente para sentilo. Erguer a vista e ollar ao redor.
Na cidade nunca neva. A ubicación e o río impídeno, formando un muro imaxinario que consegue que non chegue a neve.
Pero nesa cidade hai moitas outras cousas que non chegan. Semella que o tempo ficou detido. Atrapados no tempo. Como naquela película de Bill Murray. Vivindo permanentemente nun doce pesadelo.
E se tiramos de hemeroteca podemos comprobar o que pasou o 7 de febreiro de de 2004 e 7 de febreiro de 1994. Así, remontándonos década tras década a unha mesma realidade formada polas mesmas historias, os mesmos figurantes, as mesmas teimas e as mesmas parvadas. Podemos mudar Jácome por Troitiño, Baltar por Baltar, BNG por mareas ou movementos cidadáns, pero apenas atoparemos diferenzas.
Como en todas as eleccións municipais, toca falar das Burgas. Falar da potencia termal e demais ideas estereotipadas. Preguntarnos se gañará o PP por maioría absoluta ou relativa, preguntarnos quen cambiará de opción política, quen se venderá decindo que non se vende. Pero todo o mesmo. Permanente. Circular.
Como se vivísemos nun ciclo do entroido para sempre, onde as imaxes sempre son as mesmas, aínda que as caretas muden un pouco.
Agora no texto, a música deixou de soar. Agora só fica a cidade conxelada que desaparecerá como este artigo da nosa mente, coa palabra derradeira.