«Agora mesmo non hai esquerda no Concello de Ourense»

«O que chama a atención de AGE é que se monte un 'pifostio' no Parlamento»


ourense / la voz

Anova está a promovelo a nivel local e galego. Daniel Conde Ojea (Lausanne, 1989) é estudante de enxeñaría industrial e representa á comarca de Ourense na coordinadora nacional de Anova. Ademais é responsable do grupo de traballo de mocidade do partido a nivel galego. Participou no nacemento da organización liderada por Beiras desde o xerme de Encontro Irmandiño. Antes formaba parte (e segue facéndoo) de movementos sociais como o 15-M ou Stop Desahucios.

-Movementos como eses defínense case como antipolíticos. ¿É complicado compatibilizar ambas militancias?

-Dentro dos movementos sociais hai diferentes visións da política. Hai xente que pensa que hai que romper co réxime desde fora das institucións pero a día de hoxe me parecería moi complicado que así se logre unha creba das mesmas. Hai que xogar o partido para poder gañalo, por dicilo así. Ademais, a idea do Novo Proxecto Común, con asembleas abertas, por exemplo, era moi similar ao dos movementos sociais.

-Esa foi a idea inicial. ¿Está satisfeito coa práctica diaria de Anova?

-Tendo en conta que se leva un ano de traballo e que os comezos sempre son complicados, eu creo que se están dando pasos no camiño axeitado.

-Sen embargo, compañeiros como a ourensá Iolanda Pérez decidiron apartarse porque non estaban de todo satisfeitos.

-Eu estou a tope co que fixeron eses compañeiros porque agora mesmo na organización hai dous polos con diferentes formas de ver a política a nivel organizativo e iso non permite que o traballo social, na rúa, flúa como debe fluír. Xente independente como Iolanda ou Martiño atopáronse aí no medio e preferiron dar un paso atrás, centrarse nos seus concellos e deixar que sexan outros os que discutan a nivel organizativo.

-O lío que xerou o relevo de David Fernández Calviño en AGE tampouco axudou a mellorar a imaxe do partido e da coalición, ¿non si?

-Creo que se lle deu máis vida nos medios que na propia sociedade. Para min todo isto tivo un fondo que non se está vendo, que é o feito de que el teña que irse para facer o seu traballo. El estaría encantado de estar aquí pero, como lle está ocorrendo a moita xente nova, ten que marchar.

-A AGE ténselle criticado por ir ao Parlamento a facer «show» en lugar de propostas. ¿É así?

-O que chama a atención da esquerda e que se monte un pifostio no Parlamento. Beiras se levanta e lle pega un pouquiño na mesa a Feijoo e iso sae en todos os lados e Alternativa Galega de Esquerda presenta un montón de iniciativas e de mocións, pero iso ao final non queda en nada porque chega o PP e pasa o rodillo. Iso non sae nos medios. É unha pena porque o traballo de AGE e dos concelleiros de Anova practicamente non sae á luz.

-No actual contexto, cos partidos de esquerda en crise, ¿que expectativas ten Anova para as municipais na capital ourensá?

-Aínda queda tempo, pero si que parece necesaria unha alternativa que sexa claramente de esquerdas. Agora mesmo non hai esquerda no Concello de Ourense. Haberá moito que falar, pero todo apunta a que Anova se vai presentar. Aínda non se sabe como vai ser pero, en principio, sería o normal facelo baixo unha fronte ampla porque iso é o que estamos a defender para loitar contra as políticas da dereita. En todo caso, o decidirá a militancia.

daniel conde representante da comarca de ourense na coordinadora de anova

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
16 votos

«Agora mesmo non hai esquerda no Concello de Ourense»