«Son defensora do fracaso con cabeza, non de tirarse sen auga»

jesús manuel garcía OURENSE / LA VOZ

OURENSE

PABLO ARAUJO

Alén acaba tres anos directivos e confía nun sucesor o 20 de setembro

04 ago 2012 . Actualizado a las 07:05 h.

Elisa Alén González (Vizcaya, 1974) remata en setembro tres anos como decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Ata o 6 de ese mes hai prazo para presentar candidaturas. O posto require un traballo moi complexo pero necesario.

-¿Que deu de si esta experiencia para vostede?

-En primeiro lugar foron tres anos moi intensos. Se fixeron numerosas cousas. Tivemos que afrontar o plan de estudos novo co grao en Consultoría e Xestión da Información; organizamos a Semana Europea que derivou na Semana Internacional, tivemos actuacións de todo tipo ao abeiro do Plan Bolonia e inda por riba celebramos o 25 aniversario do centro con moitos actos que se viron e outros que non como o traballo de recuperación de arquivo.

-¿Canta xente hai na facultade?

-No que a persoal se refire non é algo pechado porque os profesores asociados van cambiando. No 2011 tivemos arredor de 1.100 alumnos e un número de docentes que ronda os 70. Persoal de administración e servizos temos 13, dos que 9 son compartidos coa Facultade de Dereito, no mesmo edificio.

-A verdade é que estivo vostede ben acompañada nesta viaxe directiva, ou esa sensación deu.

-Tiven o mellor equipo que eu puidera desexar e para todos eles só teño palabras de agradecemento. E non só os membros do equipo decanal mais outros compañeiros que tamén nos apoiaron. Tivemos bastante apoio con moitos colaboradores que nos axudaron a descargar traballo.

-¿Cómo reaccionan vostedes, expertos no mundo económico e empresarial, ante a crise?

-Pois con dificultade. É un discurso que moita xente coñece. A solución se leva a cabo grazas á carga de traballo dos docentes, hai que colaborar ante este momento de recortes que chega. A nós baixáronnos o soldo nun 5 % quitáronnos a extra e aumentáronnos a carga de 32 créditos. A xente ve a crise como unha carga de traballo e se miras para fora, están peor. A subidas de taxas non é positiva inda que en Galicia se aumentan o mínimo que permite o Ministerio. As familias pásano mal. É unha situación moi complicada e non hai recambios.

-¿Hai solución?

-Se os que pensan desde Bruxelas ou Madrid non atopan solución clara... ¡Se alguén a tivera! Eu espero que empece a remontar a situación en dous anos. A crise na nosa provincia de Ourense comeza a notarse duro, hai moitas tendas pechadas e a xente está queimada, en xeral. E os novos tamén se ven sen futuro.

-¿Que lle din aos alumnos ante semellante panorama?

-Hai que ser realistas, dámoslles formación e ánimo. Oportunidades hainas, que non desboten nada. Hai que dignificar o fracaso, é fundamental. O que non fai nada é o que nunca se equivoca. Ese rexeitamento social a que non me saíu algo ben fai que quen así pensa se free. Eu son defensora do fracaso con cabeza, non de tirarse sen auga. Que os alumnos se animen a emprender.