Uxía, Xurxo Souto, Najla Shami e Ico participan no concerto das festas
26 jun 2012 . Actualizado a las 07:15 h.Logo da intervención de Armando Álvarez que onte pola noite abría as festas da cidade, Ourense vivirá ata o domingo un amplo programa de actividades, con propostas para todas as idades. Para esta noite está previsto un dos concertos máis salientables das Festas de Ourense 2012, xunto coas propostas do Derrame Rock, o proxecto colectivo Terra da Fraternidade, Homenaxe a Zeca Afonso.
Na homenaxe musical ao Zeca Afonso participan, entre outros, o seu sobriño e tamén cantautor Joao Afonso e artistas como Uxía Senlle, Xurxo Souto, Najla Shami ou Ico, entre outros.
40 anos da «Grândola»
O 10 de maio de 1972 o desaparecido Burgo das Nacións, de Santiago de Compostela, acollía un concerto de Jose Afonso, o Zeca. Naquel esceario cantou por vez primeira un tema que habería de converterse, só dous anos despois (o 25 de abril de 1974), no símbolo da loita contra a ditadura portuguesa: Grândola Vila Morena. Daquela cita histórica dá conta unha placa xunto ao Auditorio de Galicia e un grupo de artistas galegos e portugueses promoveron o proxecto Terra da Fraternidade para lembrar aquel acontecemento. O espectáculo estreado o 10 de maio en Compostela está a percorrer agora Galicia e esta noite chegará á Praza Maior de Ourense.
No concerto das Festas de Ourense participarán, entre outros, os compoñentes do grupo de teatro Chévere, Joao Afonso, Banda Utopía, Uxía Senlle, Ico e Xurxo Souto, Najla Shami, Xoán Curiel e Narf. O concerto comezará ás 22.30 horas no escenario da Praza Maior.