AFundación Juan Soñador xestionaba en Ourense un proxecto de intervención con inmigrantes, unha casa de acollida temporal para 24 persoas en situación de vulnerabilidade persoal e social. Nese recurso traballábase para favorece-la súa integración social e laboral, dende a convivencia, o acompañamento, a tolerancia e o respeto. Pero a convivencia, o acompañamento, a tolerancia e o respeto tiveron que rematar o pasado 31 de xaneiro, cando pecharon as súas portas. A súa principal fonte de financiación, a Obra Social da ex-Caixanova, evaporouse polo máxico efecto da bancarización; a subvención para este recurso social entrou na chisteira do novo banco e saíu convertida en salario ou en indemnización para algún banqueiro, Xa saben, para un deses ós que estes días nos prometen que lles limitarán o salario a 600.000 euros anuais.
Este efecto perverso evitaríase coa creación dunha banca pública, a nacionalización das Caixas permitiría utilizar os aforros da cidadanía en beneficio de toda a sociedade, e salvalos, de paso, da codicia dunha minoría xa riquísima. O peche desta casa de acollida de inmigrantes é unha pérdida mais, neste inverno nefasto no eido dos servizos sociais, no que non cesa o desmantelamento do Estado de benestar. Con estes recortes perden dereitos as persoas que precisan dos servizos sociais e pérdense postos de traballo. Mentras, algún banqueiro enche de calderilla a chisteira.