Sentido comunitario

Sofía Díaz

OURENSE

02 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Bo día para que a cidadanía ourensá se solidarice coas persoas afectadas polo VIH/SIDA. Bo día, tamén, para a solidariedade coa complicada situación económica que atravesa o Comité Cidadán Anti-SIDA de Ourense e a súa Casa de Acollida, provocada pola política de recortes da Xunta, recortes que sempre afectan máis ós sectores desfavorecidos da sociedade. Bo día, polo tanto, para tirarlle das orellas á Administración, que non acaba de entender algo tan sinxelo, que calquer recorte en prevención e atención social sae tremendamente caro, non só no humano e no social (o cal xa debería ser suficiente), senón incluso no económico. Todo gasto en prevención da exclusión social é unha inversión, non só pola súa rendabilidade social, senón tamén pola económica: priorizar en prevención supón aforrar nos custos en ingresos hospitalarios ou en prisións. Dí Eduardo Galeano que «o sentido comunitario é a forma máis fermosa de exercer o sentido común». Con esa filosofía xurde o movemento cidadán anti-SIDA en Ourense. Hai case 20 anos, a miña querida Marité Fernández, cun grupo de persoas afectadas, solidarias e valientes, fundou o Comité Cidadán Anti-SIDA. Pouco despois, en 1994, inaugúrase a Casa de Acollida. Daquela, tiven a oportunidade de participar e traballar no Comité varios anos, dos cales sempre lembro un soño: que algún día se poideran pechar as portas do Comité e da Casa, debido a que chegara un tempo feliz no que xa non fora necesaria a súa existencia. Pero aínda non se acadaron eses soños, tanto o Comité como a Casa rebosan de persoas que precisan da súa permanencia. Que así sexa.