Lembranzas de Blanco Amor

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Baltar comprométese a editar a correspondencia do autor

02 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Nun día característico dese «inverno caroal» que o escritor Bieito Iglesias trouxo da súa memoria de infancia, o Pen Clube de Galicia e a Deputación de Ourense, coa colaboración do Concello, cumpriron coa homenaxe anual a Eduardo Blanco Amor (Ourense, 1.897 - Vigo, 1979) no cemiterio de San Francisco. Iglesias, mantedor do acto, referiuse ao Ourense que coñeceu Blanco Amor e a súa mestría para crear, entre moitas obras salientables, o espazo do arrabalde ourensano «como un lugar de referencia na República das Letras». A xeito de epitafio, e logo de referir unha anécdota acontecida en Chile co autor de A Esmorga e Suárez Picallo como protagonistas, Bieito Iglesias sentenciou: «Eduardo Blanco Amor. Ningún novelista foi mellor».

A memoria dos amigos

Na presentación dos diferentes oradores Luís González Tosar, presidente do Pen Clube de Galicia, lembrou a súa participación no soterramento do autor homenaxeado, a faceta de Blanco Amor como frustrado primeiro presidente do Pen galego, as iniciativas desenvolvidas dende que hai oito anos esta entidade comezou coas homenaxes anuais en San Francisco e reivindicou proxectos pendentes: como o libro que recollerá as testemuñas da xente que tratou ao escritor e xornalista cando retornou a Galicia ou a necesidade de publicar a correspondencia do autor que se garda na Deputación para poñela a disposición dos investigadores. Sobre esta proposta o presidente da Deputación, José Luis Baltar, anunciou na súa intervención o compromiso da Deputación para publicar a referida correspondencia. A colaborar co Pen e a Deputación para espallar a obra de Blanco Amor sumouse tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, quen gabou a «inestimable contribución do autor á literatura galega» e a súa creación «dun espazo novo na narrativa galega».

Isabel Pérez salientou a importancia do autor para a cidade e a participación dos alumnos do instituto que leva o seu nome e Freixanes lembrou «a súa independencia e coherencia».