Desleigados

Juan M. Casares

OURENSE

Unha pregunta bule na cabeza dos galeguistas dende que o movemento de reivindicación da nosa personalidade fíxose consciente e, coma unha tradición máis, transmítese de xeración en xeración: por que hai tanto desleigado en Galicia?. A cousa ten o seu aquel e, aínda que pareza estraño, non é doado atoparlle unha resposta xa que hai cousas cuxa explicación resulta complicada, case tanto coma posuír a formulación da Coca-Cola, situar no mapa a antiga Atlántida ou mesmo coñecer os fundamentos ideolóxicos en base aos que Pachi Vázquez dirixe o socialismo galaico. E se non estou no certo agardo que algunha alma caritativa corrixa o meu erro e me explique por que hai galegos que odian o seu idioma, por que os hai que devastan os nosos montes, por que uns poucos enchen de lixo o nome de todos coas súas corrupcións e por que algúns venden os intereses patrios pola quentura dunha excelentísima cadeira. E mentres esa alma non aparece, eu, que ás veces son algo testán, négome a admitir que isto remate e que Galicia estea a suicidarse, coma pensaban os sabios do cenáculo. Pola contra, adoito agocharme na esperanza de que a nosa terra o que padece é unha sorte de enfermidade autoinmune que, en moitos casos, cun bo tratamento e os agarimos precisos permite ao organismo, aínda que sexa social, vivir coas súas calidades esenciais