A xogada da incineradora da Limia

Xosé Lois Carreira

OURENSE

Semella incrible que chegaramos a este punto, agardemos que con retorno, na teima da incineradora da Limia. Miúda e obsesiva teima que se algo evidencia, despois de recuar tantas veces da súa postura inicial pola presión social en Xinzo e Gudín, é o gran interese que manteñen no asunto algúns políticos do Partido Popular cando volven de novo a carga co tema do lixo estes servidores do ben público.

Os argumentos, os de sempre, centos de postos de traballo un mes antes dunhas eleccións que pasadas estas non aparecen por ningures, nin Xero, nin cidade do motor, nin avións da NASA, nin empresa cárnica, nin nada de nada. Entón, ¿que é o que realmente move esta xogada empresarial dos prebostes do PP que ata lles esvara non acadar os comprometidos postos de traballo?

Pois moi sinxelo, non é tanto o rédito electoral, que xa tanto lle ten e para iso xa está o Mariano, como o poder económico. Moito, un beneficio neto que supera ós mil millóns de euros. Demasiado pastel como para deixalo escapar, aínda que agoche o morto ambiental máis atroz e sen piedade coa provincia e a Limia: apandar con todo o lixo da área metropolitana de Vigo, Pontevedra e provincia de Ourense.

Un suculento negocio do lixo que ao corrompido PP de Murcia xa lle custou a dimisión do seu presidente provincial Ripoll e que agora estes benditos ourensáns queren copiar.

A xogada non é outra que adiantarse a Xunta e a incineradora Sogama do Sur con unha empresa baixo seu control absoluto; resultando ser a escollida, segundo o rexistro mercantil, unha tapadeira dun condenado por corrupción e delito ambiental no Levante, cun só empregado e cunha débeda de catro millóns de euros.

Miúda solvencia para a complexa xestión de máis medio millón de toneladas de lixo. Quen pode crer que o 95% desta barbaridade será reciclado cando o máis barato é a incineración ou o soterramento.

Ninguén, simplemente porque non son de fiar nin empresarios nin políticos.