Mosquera convive con Baltar na Deputación -traballa no servizo de intervención da institución- e como edil, con Valladares, alcalde de Cea. Respecto a este último critica fondamente a súa recente subida de soldo, que tilda de «despropósito nun momento de crise no que hai que axustar partidas de gastos».
-¿Cómo é para un histórico do galeguismo traballar ás ordes de Baltar na Deputación?
-A boa relación persoal co presidente é algo natural, pero non só para min, senón que en xeral é coñecido por toda a sociedade. Todo o mundo que se dirixe ao presidente é atendido ou correspondido. Outra cousa serán as decisións concretas. Desde o punto de vista da xestión política hai discrepancias.
-¿Ten pensado onde traballar se a proposta do BNG e outras forzas para disolver as deputacións sae adiante?
-Si. Teñoo pensado. O futuro das deputacións desde o punto de vista de instrumento político debía ter o seu final. Outra cousa é realmente o seu papel como elemento prestador de servizos sobre todo para os concellos medianos e pequenos, que necesitan de persoal cualificado que colabore con eles. Algúns servizos provinciais, non xestionados políticamente, terían sentido mentres non se reestruture a administración local.
-Pero o BNG non renunciou a gobernar, por exemplo, na Deputación de Lugo.
-De momento non renuncia. O lóxico é que se plantexe un proxecto de cambio, pero mentres a institución existe, ¿cal é opción? ¿Representas aos teus electores ou non os representas? A miña posición e a do PNG é que mentres unha institución existe hai que estar nela.
-Vostede que o ve de cerca, ¿que pensa da política de subvencións e contratacións de Baltar?
-Eu son totalmente contrario ás subvencións nominativas. Poderían xustificarse nalgún caso, pero moi excepcionalmente. No tema de persoal ten que haber un proxecto dos servizos que son imprescindibles e sobre iso establecer uns parámetros obxectivos, claros e transparentes para seleccionar ao persoal e que, quen se capacidade intelectualmente, teña a posibilidade de concorrer competitivamente con criterios de igualdade.