David Rubín presenta e asina mañá en Ourense o libro de «El Héroe»

La Voz

OURENSE

O acto de inauguración da librería de tebeos Sindicato del Cómic está previsto que comece mañá, venres, ás 19.00 horas. Para esta cita inaugural contarase coa presenza dun dos autores de banda deseñada máis prestixiosos de Galicia e con recoñecemento unánime de crítica e festivais no Estado, ademais de participar en encontros europeos de cómic e outras citas: David Rubín.

Para ás 19.30 horas está fixada a presentación da novela gráfica El Héroe: Tomo 01, que David Rubín publicou hai uns meses coa editorial Astiberri. Dende Sindicato del Cómic anúnciase na convocatoria que na cita con David Rubín «haberá coloquio co autor, sesión de firmas, licor café e despiporre espartano» no establecemento de Doctor Marañón, 15.

A publicación do primeiro volume de El Héroe, de David Rubín, foi acollido con grande satisfacción e eloxios pola crítica especializada e o traballo do creador ourensán foi recoñecido e abordado nos medios de comunicación de todo o Estado. David Rubín, que o pasado ano foi o autor dun dos libros de maior difusión en Galicia -o cómic sobre Novoneyra- tamén será protagonista no OUFF 2011, onde compite un documental sobre o seu traballo.