San Francisco agarda a Rajoy

Xosé M. Rodríguez

OURENSE

oa vista posta nesa data tan sinalada de novembro, con permiso dos Magostos, e nun hipotético escenario de cambio de goberno que vaticinan tódolos que ao parecer saben diso poderíamos estar ante unha situación máis que curiosa en relación co macroproxecto do conxunto monumental de San Francisco. Dende que se anunciou con música celestial esa obra que pasaría a marcar unha data histórica para o patrimonio e a cultura ourensá, coa recuperación do monumento e a concentración nun mesmo espazo de servizos como o Arquivo e a Biblioteca, os incumprimentos en prazos e investimentos foron sistemáticos dende o Goberno central, cos diferentes partidos e cos sucesivos titulares dos ministerios que alí se comprometeron a facer obras.

A esta insultante situación que os ourensáns sofren sen levantar a voz e sen correr aos seus gobernantes engadiríase, sempre coa premisa de confirmarse a alternancia política, o feito de que Mariano Rajoy foi no seu día o máximo valedor do proxecto de recuperación integral do conxunto de San Francisco como titular dun dos ministerios do Goberno central.

E aí sigue o monumento emblemático de Ourense: desfacéndose aos poucos e cos sucesivos titulares do Ministerio de Cultura ríndose dos ourensáns -no caso da ministra Sinde con sobresaínte alto-. Se logo do 20-N Rajoy confirma aquilo de que á terceira vai a vencida estará ante o reto de cumprir o anunciado no seu día.

C