T
en o exercicio da política e da representación institucional un compoñente de responsabilidade que non debería ser esquecido nunca por quen o exerce. Do contrario ábrese un escenario que non aporta nada positivo para as relacións institucionais e políticas, e moito menos para que os cidadáns valoren e estimen o traballo dos representantes públicos, máis ben todo o contrario. O Concello de Ourense defende a tese de que a Xunta que preside o ourensán, ou vigués segundo os escearios e querencias, Núñez Feijóo marxina á cidade e que non leva feito ningún proxecto ao xeito nestes algo máis de dous anos que leva de goberno en Galicia. Nesa dinámica o convite do alcalde de Ourense ao portavoz do PP de acompañalo para que lle vaia sinalando as obras feitas pola Xunta na cidade nestes dous anos é un exercicio valleinclanesco de primeiro nivel: con intelixencia e con respecto, sen ferir nen amosar en ningún momento eivas en canto á educación que se lle supón. Nada que ver co delegado do Goberno en Galicia: Miguel Cortizo compareceu no Concello de Ourense referíndose ao presidente da Xunta con calificativos e alcumes que non son propios dun cargo institucional que debe asumir a representación do Estado en Galicia. Pode que Cortizo lle teña xenreira a Feijoo, é lexítimo, pero é o presidente de tódolos galegos e como tal merece respecto. Na taberna que lle chame como lle pete, pero que non se confunda de escenario.